O Comité de Empresa da TVG emitiu un comunicado para denunciar a censura que se exerceu sobre a información dos datos da Enquisa de Poboación Activa, EPA, elaborada polo xornalista Luís Quintas emitida nos informativos do mediodía e do serán do 26 de outubro. En ambos informativos a noticia foi mutilada. No caso do Telexornal Serán elimináronse, sen previo aviso ao xornalista e conservando o seu off, non só frases relativas á evolución do paro en Galiza e no estado español, senón os gráficos que ilustraban a información.
Na emisión do Telexornal Mediodía eliminouse da presentación a frase na que se informaba de que "en Galicia o paro medrou nos últimos doce meses case un cinco por cento". Segundo o Comité de Empresa, "esta censura levouse a cabo sen advertirllo previamente ao redactor. Pero o máis grave foi o que sucedeu na emisión do Telexornal Serán. Elimináronse datos importantes do vídeo ata o punto de que non se informaba do total de parados nin en Galiza nin en España, nin da taxa de parados en España en relación coa poboación activa, nin da evolución nos últimos doce meses". En concreto, suprimíronse os seguintes párrafos: "En total, a finais de setembro había algo máis de 2 millóns de desempregados, dos que case cento sesenta e cinco mil estaban en Galicia. Agora esta Comunidade arrastra unha taxa de paro dous puntos superior á media española. Se ollamos cara á evolución nos últimos doce meses, Galicia está á cabeza das seis Comunidades en que o paro aumentou; sete mil setecentos parados máis nun ano, que supoñen unha alza próxima ao cinco por cento. Mentres, no conxunto de España, o paro reduciuse case o catro por cento". Luis Quintas denuncia que non só este texto foi totalmente eliminado da información orixinal, senón que o cadro de datos que acompañaba o primeiro párrafo suprimido insertouse de tal xeito que quedou case imperceptíbel (6 segundos) e que se eliminaron os gráficos de barras que representaban o aumento do paro en Galiza entre setembro de 2003 e ese mesmo mes de 2004 e o descenso rexistrado no conxunto do estado no mesmo período.
Segundo a nota do Comité de empresa, o redactor, "que estaba a ver o Telexornal Serán na súa casa, descubriu abraiado que o seu traballo se emitía totalmente mutilado e manipulado e, o máis detestable, mantendo a súa locución, o que na práctica significa que levaba a súa sinatura".
O Comité de empresa denunciou os feitos ante Consello de administración da CRTVG e pediulle ao Director de Informativos, Julio Rodríguez, que explique quen deu a orde de mutilar e censurar esa información.
Luis Quintas, que traballa na TVG desde hai 17 anos e foi un dos primeiros presentadores dos informativos da cadea, tamén solicitou o amparo do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza.