"Veño co fusil de combatente da liberdade nunha man e coa póliña de oliveira na outra. Non deixen que a rama de oliveira caia da miña man. Repito: non deixen que caia". Era o 13 de novembro de 1974 e Iaser Arafat entraba no espacio dos protagonistas da escena internacional coa súa intervención fronte á Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Un mes antes, a ONU recoñecera á Organización para a Liberación Palestina coma representante lexítima do pobo palestino e convidaba á organización ao diálogo.
Apoios loxísticos ao exército exipcio durante a primeira guerra árabe israelí, no ano 1948, foron as primeiras tarefas significativas do mozo Arafat, que pasara a súa infancia entre o Cairo, cidade onde naceu, e Xerusalén e Gaza, xa vencellado a grupos de resistencia árabe. Durante os seus estudios de enxeñería na universidade do Cairo descubriu a súa vocación para o liderado fundando varios grupos nos anos seguintes, que serían responsábeis de pequenos ataques contra Israel. En terras kuwaitís argallaría finalmente o grupo Al Fatah, ano 1957, na convicción de que era mellor que os palestinos asumisen directamente a súa loita sen confiar demais na solidariedade dos veciños árabes.
Con esa mesma idea decidiu en 1968 a entrada do seu movemento, xunto con outros grupos, na OLP, que fora promovida dende Exipto catro anos antes, e que de feito actuaba fundamentalmente a prol do liderado exipcio no mundo árabe. O obxectivo de Arafat: asumir o control para mudar a estratexia. Ataques diversos á fronte de pequenos grupos de fedais ("aqueles que se sacrifican") a obxectivos israelís foron dándolle prestixio e convertendo o seu grupo e satélites xurdidos arredor no movemento maioritario. En 1969 foi escollido novo presidente da OLP e comezou a asistir aos cumios de xefes de estado árabes.
A comezos dos 70, os milleiros de militantes de AL Fatah organizábanse en colectivos diversos con fins diferentes, dende a loita de guerrillas ao secuestro e os atentados a obxectivos varios por todo o mundo. Nesa dobre versión destacaban Al Asifah e a Organización Setembro Negro, responsábel do coñecido secuestro dun grupo de atletas xudeus nas Olimpíadas de Múnic en 1972.
Cambio de estratexia
De xeito paralelo, o discurso ideolóxico de Arafat cara ás reivindicacións palestinas fronte a Israel iría virando da simpleza do "imos botalos a todos ao mar" ao recoñecemento do Estado xudeu e a petición dun estado democrático e laico para os palestinos. Estes movementos darían cos recoñecementos internacionais progresivos: na Asemblea da ONU, na Organización da Conferencia Islámica, no Movemento de Países non Aliñados, na Liga Árabe e Arafat comezaría a saír nas fotos con presidentes e primeiros ministros de todo o mundo. Á fin desa década, e sendo a OLP recoñecida por máis dun cento de países, o grupo de Arafat distanciaríase oficialmente das accións terroristas.
Durante esa década, Iaser Arafat houbo de manexar tamén os enfrontamentos dentro do propio contorno árabe, con Siria e Xordania especialmente e os intentos de eliminalo a el e ao seu grupo da escena. Movementos coma a ruptura do boicot árabe a Exipto por ter acordado a paz con Israel, o estoupido da Intifada, rebelión popular, a finais de 1987 e a cesión que Xordania lle faría á OLP da xurisdicción sobre Cisxordania achegarían o novo paso clave. En 1988 proclamábase o Estado de Palestina, aceptando as resolucións do Consello de Seguridade da ONU e pouco despois a ONU urxía á celebración dunha conferencia internacional de Paz para Oriente Próximo.
Nóbel da Paz
En xullo de 1994, logo de asinar co primeiro ministro israelí Isaac Rabin o acordo Gaza-Xericó, Arafat entraba á fin en Gaza, nunha simbólica fin do exilio de Palestina durante toda a súa vida. Ao tempo, prestaba xuramento o novo goberno: botaba a andar a Autoridade Nacional Palestina. Ese ano, Arafat, Rabin e Simon Peres, recibían o Premio Nóbel da Paz.
O que parecía camiñar cara un final exitoso virou marcado por dous factores: os atentados suicidas promovidos por Hamas e a Ihad Islámica e o asasinato de Rabin contribuían a mudar a escena política israelí e axudaban a que a extrema dereita do Likud chegase ao poder. A visita en setembro do 2000 de Ariel Sharon, daquela líder provisional do partido, á Explanada das Mesquitas, era recibida coma unha provocación polo pobo e encendía a segunda Intifada. De fondo máis problemas: a crise económica e a corrupción na propia ANP. Arafat combinaría as chamadas á tranquilidade coas ameazas incendiarias. A nova estratexia que viña con Sharon era o intento de deixar de consideralo coma interlocutor fundamental no proceso de paz.
A actualidade recente vén marcada polo propio cuestionamento do liderado de Arafat na ANP. Co crecente protagonismo de grupos coma Hamás, a prol dos ataques terroristas e cun forte desenvolvemento das súas redes sociais na comunidade palestina, co diálogo con Israel freado pola intransixencia do goberno Sharon, e o propio Arafat acusado de ter rexeitado as posibilidades anteriores de acordo, aceléranse os movementos para o seu relevo.