Ao presidente da Autoridade Nacional de Palestina, Iaser Arafat, trasladárono a París para ser tratado por especialistas da doenza que padece. O líder palestino, de 75 anos, saíu de madrugada da Muqata, en Ramala, fortemente escoltado. Un dos médicos que atende a Arafat revelou que o dirixente palestino padece unha resposta anómala do sistema de inmunidade, de forma que "as células sanguíneas que normalmente destrúen os axentes patóxenos, están destruindo as plaquetas". Segundo o doutor, a disfunción pode deberse a "unha inflamación de orixe vírica, a un cancro ou a un envelenamento sanguíneo". O goberno de Israel autorizou o translado de Arafat e garantiu que permitirá o seu regreso a Ramala.