Do mesmo xeito que se está a loitar pola protección e conservación dun valor para o planeta coma é a Amazonía, tamén o fondo do mar agocha recursos naturais de todo tipo, moitos deles aínda descoñecidos, que deben ser protexidos. Con esta comparación, Sebastián Losada, da campaña de Océanos de Greenpeance, definía para Vieiros a importancia do debate que se abre esta semana na ONU.
"Auténticos oasis de vida". Así definen os ecoloxistas estes montes submariños de máis dun milleiro de metros de profundidade, onde se xeran ricas correntes que son alimento de moi diversos ecosistemas e acollen centos de especies, moitas aínda descoñecidas para a ciencia. Dos cen milleiros destes montes que se calcula que poderían existir en todo o planeta, apenas uns 300 foron obxecto de estudio. A propia industria pesqueira, chegou antes que a comunidade científica a estes lugares, aplicando unha técnica que en cuestión de horas pode arraplar con bosques de coral que tardaron milleiros de anos en formarse.
"Hai un problema de xestión sobre estes recursos pesqueiros. Non existen organismos competentes que xestionen esa situación e faltan moitos datos científicos. Estase indo a pescar dun xeito insostíbel antes de contarmos con estas dúas ferramentas básicas". Segundo Sebastián Losada, a moratoria é necesaria para a preservación dos montes submariños en alta mar, zonas moi descoñecidas aínda para os científicos. Para isto é preciso que existan garantías de que se realizara unha explotación sostíbel dos recursos.
Os ecoloxistas insisten en que a pesca de arrastre é doadamente prescindíbel, xa que non supón nin o 0,5% do total de capturas en todo o mundo, e o seu volume económico non xustifica as perdas ambientais que orixina. No Estado español hai 40 barcos adicados a este tipo de pesca. Greenpeace solicitáralle ao goberno o apoio á moratoria, e láiase de que o goberno decida neste caso posicionarse en contra. Din os ecoloxistas que é evidencia da falta de compromiso ambiental do executivo español, que no seu momento se opuxera ás redes de deriva, as chamadas "redes da morte", toda vez que a súa retirada afectaba fundamentalmente só á flota francesa.