"Contra a guerra, o racismo e a Europa neo-liberal". O Foro Social Europeo rematou este domingo asinando a convocatoria dunha mobilización a nivel europeo para o vindeiro 19 de marzo, a prol dunha Europa de "dereitos e solidariedade entre os pobos". Preto de corenta milleiros de persoas marcharon esa mesma xornada na manifestación de clausura do evento londinense.
A mobilización convocada será poucos días antes do cumio que reunirá en Bruxelas aos principais dirixentes da Unión Europea, os seguintes días 22 e 23 de marzo, e quere debuxar a vontade de presión social a nivel europeo para a presión cara a entrada na axenda dos líderes de estratexias cara "outra Europa posíbel".
Pacifismo e dereitos sociais foron centros de interés máximos nos debates que durante catro días acolleron o medio milleiros de obradoiros, seminarios e conferencias. A defensa dunha Europa "que se opón á guerra" foi tema destacado da declaración final da xuntanza, que pediu diálogo cara a saída das tropas de Iraq e a resolución dos conflictos de Oriente Próximo ou Chechenia.
As próximas citas: o Foro Social Mundial, en Porto Alegre, entre o 26 e o 31 de xaneiro do 2005, e o Foro Social Europeo en Atenas, no ano 2006.