Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE NO PPdeG

Fraga sorprende unha vez máis e ofrécelle a súa renuncia a Rajoy

A crise no PPdeG deu hoxe unha nova volta de torniqueta. Logo de que Cabezas e Porro quedasen finalmente fóra do Comité Executivo dos populares españois (xesto de distensión) e de que Cuíña e Baltar non acudisen ao cónclave (xesto de tensión), Fraga púxolle a Rajoy enriba da mesa a súa renuncia "se fose necesario".

- 13:34 03/10/2004
Tags:

Durante a súa intervención no XV Congreso do Partido Popular, o seu presidente fundador e presidente da Xunta, Manuel Fraga, ofreceulle a Mariano Rajoy, a súa "renuncia" e a de todo o que representa "se fose necesario". No marco dunha loanza do presidente do partido, Fraga dixo que, "por lealdade e colaboración", lle ofrecía "incondicionalmente, se necesario fose, a miña renuncia e a de canto eu represento".

Se os intérpretes acudisen poderían ler entre liñas unha nova vía de saída á crise dos populares galegos, consistente na celebración de eleccións en outubro de 2005 cunha cabeza de cartel distinta (Núñez Feijoo ou Barreiro). Así e todo, os ruxerruxes levan que esta mesma semana podería Fraga anunciar a convocatoria de eleccións anticipadas para antes de finais de ano, cedendo ás presións de Madrid para acabar cos secesionistas polas bravas.

Pero no seu discurso o presidente Fraga incidiu en máis ocasións na crise dos populares galaicos. Por exemplo, mencionou a "aquel señor chamado Barreiro" como exemplo de momentos difíciles da historia do partido, ou lembrou que "en medio do turbillón do novo tempo" os populares teñen que unirse "máis ca nunca para volver a asumir a responsabilidade fundamental de levar o país en paz e amor".

Fraga tamén se laiou de que o sistema electoral español permita a existencia de partidos nacionalistas que "xorden en momentos de crise" e que están "prohibidos" noutros países "como Portugal", partidos "moi fortes por desgraza entre nós e moitas veces con obxectivos e métodos claramente inconstitucionais", dixo. Un discurso contundente como ese rematou cunha alusión á viaxe da corbeta María Pita a América e ás Filipinas para espallar a vacina da variola.


0/5 (0 votos)