Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PARTE MÉDICO OFICIOSO, 3

Smog escisionista

Os servizos de respiración asistida do Pazo Presidencial Monte Pío, diante do deterioro das condicións atmosféricas xerais por mor dun teimoso smog arredista queren facer público:

- 07:37 30/09/2004
Tags:

Primeiro, que o Presidente don Manuel Derradeira Brisa de Forzas sufriu no día de onte un ataque dunha incontíbel IRA (Infección Respiratoria Aguda) cando escoitou as declaracións, proclamadas aos catro ventos, do levantino e levantisco J.L. Baltar nas que afirmaba que «o perigo de escisión estaba no aire».

Segundo, que grazas ao repouso e encamamento de don Manuel se mantén o fráxil excelente estado de saúde do Presidente e que a melloría na tarde de onte foi evidente dada a ausencia de visitas inoportunas como as rexistradas na véspera.

Terceiro, que o estado de saúde xeral dos Conselleiros experimentou unha sensíbel desmelloría cando o señor López Veiga botou a lingua a pacer e desfogou batendo contra os que «experimentaron un notábel crecemento no patrimonio» grazas á política. O gabinete no seu conxunto sufriu un incontrolábel ataque de ansiedade e encoramento que só remitiu cando López Veiga agregou «díxeno sobre todo polos que non están presentes».

Prescribíuselle:

1/ Manter as ventás e portas da torre de marfín do Presidente pechadas a cal e a canta revindicación, esixencia ou mala nova veña de fóra e así pospoñer sine die a entrevista co señor Anxo Quintana que tamén vén de Ourense.

2/ Un cambio xeral de aires e un paseo polo Parque do Retiro aproveitando a viaxe ao Congreso Nacional do Partido Popular, para que o señor Presidente se vaia preparando psicoloxicamente para afrontar os seus retos futuros.

3/ A realización, tras a gloriosa finalización do Congreso Nacional, dunha cacería (practica habitual do Presidente cada vez que hai un grave problema en Galiza) en Villarino de los Aires, provincia de Salamanca, ou no seu defecto realizar sen demora unha xira á comunidade galega cativa de Bos Aires para seguir dándose baños de multitudes afervoadas.

4/ A contratación indefinida como xornalistas encamados_ do staff de abanicadores de El Correo Gallego para que sigan insuflando aires de grandeza á figura do Presidente e o seu séquito e para aventar con excelencia as maiores glorias do noso país.

5/ A aplicación experimental dun programa de musicoterapia composto, entre outras, polas seguintes melodías de Bob Dylan: Blowin' In The Wind, Carribean Wind e Hurricane.

Observacións: Todo vai segundo o guón imprevisto.
Maís. Na inauguración do Parque de Bombeiros de Verín apareceron volantes bilingües coa letra dunha ameazante canción do grupo Police.

Cada vez que respires /Every breath you take
Cada vez que te movas / Every move you make
Cada lazo que raches / Every bond you break
Cada paso que deas / Every step you take
Estareite vixiando / I'll be watching you
Cada vez que te movas / Every move you make
Cada promesa que raches / Every vow you break
Cada sorriso que finxas / Every smile you fake
Cada queixa que deas / Every claim you stake
Estareite vixiando. / I'll be watching you.

(Nota reservada. Todo indica que foi cousa de Xesús. The Policemen_. Confirmar. Asdo: Alberto N. F.).

Debaixo da almofada presidencial apareceu unha carta anónima en papel perfumado coa seguinte lenda:

¡Ai!, Si no me levas pronto
airiños da miña terra;
si non me levas airiños
quisáis xa non me coñesan
que a febre que de min come,
vaime consumindo lenta,
e no meu corazonciño
tamen traidora se ceiba.

(Segunda anotación reservada: Investígase a autoría pero todo apunta a que foi a notas de Ana Pastor. Asdo: Jaime Pita).

Aparece grafitti no WC de cabaleiros: «No Stop Music. Carmiña Burana Hip hop Band.» (Nota incriminatoria de X.M. Barreiro: «Había restos de sprai nas unllas de Pérez Varela»).

Prognóstico presidencial do Centro Metereolóxico Nacional: Mareira, forte marexada. Ventos forza sete. Atá mañá.

Por Manuel M. Barreiro


0/5 (0 votos)