Os servizos asistenciais da Residencia Presidencial Monte Pío, diante da saúde de xeometría variábel do Presidente da Xunta de Galicia, queren comunicar á opinión pública mundial:
Primeiro, que non hai motivo ningún de preocupación sobre o estado de saúde do presidente e do autogoberno galego e que, en consecuencia, non periga a estabilidade do Estado español nin da nova orde mundial.
Segundo, que se mantén aberto un proceso de diálogo clínico cos doutores Baltar e Cuíña no que se avanzou moito de cara á clarificación da enfermidade que ambos os dous padecen: desgaste por ausencia de exercicio de poder.
Terceiro, que o estado de saúde xeral dos Conselleiros é bo, excelente no caso do vicepresidente Núñez Feixoó porque adoita ducharse todos os días, práctica que se recomenda encarecidamente a todos os demais membros do gabinete.
Cuarto, que o malestar transitorio do Presidente é debido fundamentalmente ao benestar xeral de Galiza, e que singularmente está producido pola excelencia da súa gastronomía e a gorentosa provocación das nosas mesas.
Prescribiuselle:
1/ Combater o mono xerado pola ausencia das súas magnas realizacións executivas cotiás practicando un exercicio inaugural moderado e cambiar as altas temperaturas do Verín de Baltar pola bonanza de Negreira e o val de Barcala.
2/ Repouso absoluto até a conclusión do Congreso do PP e, en caso de crise intelectual, entregarse á lectura reflexiva de El Correo Gallego por mor dos seus efectos morfínicos.
Observacións: Ao Gran Temoeiro trémalle o pulso apenas un chisco pero a nave marcha con rumbo firme. Non hai medo de que se chegará a bo porto. _(Nota á marxe con lapis vermello: «Non recorrer máis ás imaxes naúticas, poden facer lembrar o Prestige. Asdo: Xesús Pérez Varela).
O Presidente foi cedo para a cama e o país non se resentiu (Nota á marxe en lapis azul: Investigar o anómalo comportamento do país. Asdo: Xaime Pita).
Nota o pé: Eu tamén o estou a pasar mal e ninguén se lembra de min. Asdo (case ilexíbel): Suso Palmou).
Prognóstico presidencial: Mantense a incerteza sobre a natureza dunha doenza certa.
Nota final apócrifa: No problem. No fear.
Por Manuel M. Barreiro