Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A OPOSICIÓN ACUSA Á XUNTA DE ABANDONAR OS LABORES DE GOBERNO

Beiras: "Todo é posíbel na corte dos milagres fraguiana"

A oposición parlamentaria acusa ao presidente da Xunta e aos vicepresidentes de empregar o seu tempo nos problemas internos do partido e abandonar as súas funcións de goberno. Segundo informa Europa Press, o portavoz do BNG, Xosé Manuel Beiras, asegurou que crise do PPdeG non ten solución, porque é un partido que funciona mediante "relacións de vasalaxe" e "os vasalos aturan todo menos a desprotección do seu señor". O voceiro socialista, Ismael Rego, afirmou que Galiza vive o momento "máis confuso" da autonomía "porque está sen goberno e sen presidente".

- 16:15 28/09/2004
Tags:

O portavoz parlamentario do BNG, Xosé Manuel Beiras, asegurou que a crise do PPdeG "non ten solución, mesmo se se produce un acordo. Beiras destacou que o conflicto dos "populares" galegos non só se xoga no "reparto do poder" nas administracións, senón que hai "intereses económicos distintos" entre o PPdeG que "representa Baltar" e o que lidera o vicepresidente primeiro, Alberto Núñez Feijoo. "Os da boina están en retroceso fronte aos grandes grupos económicos do estado. Este é un proceso que existe desde hai tempo, onde o sector de Fraga e o PP estatal teñen as de gañar e as bases económicas autóctonas levan as de perder", subliñou Beiras. Para o presidente do Consello Nacional do BNG, a crise estoupou porque o PPdeG funciona "por relacións de vasalaxe", nas que os "vasalos aturan todo menos a desprotección do seu señor", dixo en referencia a Fraga.

Beiras non desbotou a posibilidade dun adianto electoral "porque todo é posíbel na corte dos milagres fraguiana". "Todo pode acontecer, mesmo unha disentería xeralizada, aínda que fago votos para que a do presidente evolucione ben", engadiu.

Pola súa parte, o voceiro do grupo socialista, Ismael Rego, asegurou que Galiza vive "o momento máis confuso" da historia da autonomía, porque está "sen goberno e sen presidente". Rego cualificou de "auténtico escándalo" a crise do PPdeG, porque está ás costas do propio goberno galego". Lembrou que o Secretario Xeral do PPdeG, Xesús Palmou, "está desaparecido" e quen se encarga de resolver a crise é o presidente da Xunta e os seus vicepresidentes. "Os membros do goberno galego son os que están atendendo este problema. Quen se preocupa dos problemas dos galegos? O PPdeG está transladando esta crise a todos os cidadáns", sinalou.


0/5 (0 votos)