Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE DO PPdeG

Cuíña sae do letargo

Os fotógrafos que esperaban a chegada de Xosé Luís Baltar para asistir á supostamente decisiva cea con Fraga tiveron que abrir o zoom das súas cámaras para incluír no cadro unha figura inesperada. Coas luces interiores do coche acesas, para iluminar os rostros dos viaxeiros, Xosé Cuíña saudaba os xornalistas sentado á dereita de Baltar e cun documento baixo o brazo cun título moi significativo: "Prognóstico electoral". Un texto que pouco despois estaría por riba da mesa do presidente da Xunta, aínda que non resultase de fácil dixestión para un Fraga convalecente.

- 07:52 28/09/2004
Tags:

É difícil imaxinar que, como din fontes próximas ao presidente do PPdeG, Cuíña se ofrecese como mediador dunha crise da que é detonante e, probabelmente, instigador. De feito, o seu futuro político pende en gran parte da resolución desta crise. A súa capacidade de movemento no contorno do aparato do partido e da administración que aínda controla está practicamente intacto e pode provocar un efecto dominó no PP galego de consumarse a escisión dos rebeldes ourensáns.

O regreso de Cuíña ao primeiro plano da escena política, a través da súa inclusión como primeiro ou segundo da lista do PP por Pontevedra, vén acompañada doutras esixencias. Unha delas é apartar a Xesús Palmou da secretaría xeral do PPdeG e procurar un home de consenso, que podería ser o vicepresidente segundo Xosé Manuel Barreiro, un home do círculo de Cacharro. Este relevo iría asociado á petición fundamental de Baltar: manter a autonomía plena do seu grupo en Ourense: liberdade para confeccionar as listas electorais, máis investimentos na provincia e promesas de non inxerencia por parte da dirección do partido en Madrid.


0/5 (0 votos)