Mentres a páxina web do PPdeG segue sen funcionar desde hai meses, a web dos "populares" ourensáns recibe aos internautas co himno do partido e a foto e a mensaxe de Xosé Luís Baltar: "apostamos abertamente por Ourense, sentímonos orgullosos de ser ourensáns e temos o reto de traballar cada día por facer unha cidade e unha provincia máis atractiva". A web do PPdeG lamenta as molestias: "estamos modificando o noso sitio web".
A páxina do PP ourensán ofrece a posibilidade de avaliar "os poderes" de Baltar: os resultados das últimas eleccións europeas na provincia, onde o PP conseguiu o 56,6% dos votos; o número de alcaldes e portavoces nos concellos e os deputados e senadores cos que conta.
Curiosamente, a ligazón que aparece á dereita da páxina co enderezo do PP estatal non funciona. A web está practicamente sen actualizar. A última noticia publicada é a convocatoria á romaría do Monte do Gozo do 12 de setembro. Non hai ningún apartado interactivo. A sección "Ti opinas" remite a un enderezo electrónico e o apartado "Foros" redirecciona á web do Partido Popular.