Abro o meu armariño e só aparecen unhas poucas notas de prensa apresuradas. Atrás quedan os folletos de deseños vistosos, os CD-ROMs ou mesmo esa insólita bolsa de tela con bloc de notas, goma de borrar e lapis de carpinteiro que promocionaba a espléndida 'María llena eres de gracia', vista en Zabaltegi. Definitivamente, isto se acaba. Crónica de Martin Pawley sobre o Festival de cinema de Donostia.
A diferenza da histeria en que se move o penoso filme a concurso de Víctor Gaviria, 'María llena eres de gracia' atrapa os espectadores que seguen con emoción a peripecia da xove muller que accede a actuar como "mula", pasando droga dentro do seu corpo ata os Estados Unidos. Imposíbel non vivir e sufrir canda ela o noxo de tragar as cápsulas coa heroína, o medo a morrer no caso de que as cápsulas rachen ou a angustia de ser detida. O rostro fermoso de Catalina Sandino Moreno conduce este filme escrito e dirixido con mestría polo debutante Joshua Marston.
Parafraseando as palabras coas que un crítico americano se referiu a Greta Garbo en 'Two-faced woman', lamento dicir que contemplar a Vanessa Redgrave no espantoso 'The Fever' resulta tan violento como ver borracha a propia nai. O enxendro perpetrado polo seu fillo Carlo Gabriel Nero é pomposo, verborreico e oco, así que procuren non cometer o mesmo erro ca min no caso de que algún distribuidor decida estreala levado por un ataque de exotismo. Foi unha das proxeccións especiais do Zabaltegi, que pechou co pase de 'Shi Mian Mai Fu' (A casa dos coitelos voadores), a nova colección de fantasías acrobáticas rodada por Xan Imú, menos aborrecida pero igual de absurda que a inmediatamente anterior, 'Hero'.
Aturo os espadachineses durante tres cuartos de hora e logo marcho cara ao Kursaal co fin de asistir á rolda de prensa de Jeff Bridges, honrado co terceiro premio Donostia do Festival. 'The Last Picture Show', 'Fat City', 'Tron', 'Tucker', 'Fearless' e, veña, vale, acepto 'The Big Lebowski', son fitos na carreira dun gran actor que poucas veces escolleu as películas acertadas e que nos últimos tempos está empezando a labrar algunha fama como debuxante e fotógrafo. Exerce de home sinxelo e comprometido, sen altanerías de divo, que fai o seu traballo con eficacia e non se preocupa por darlles ás cousas mais importancia da que realmente teñen.
O seu último filme, 'The door in the floor', é o encargado de clausurar estes oito días de cine. Na pel dun escritor de libros infantís cun matrimonio en crise trala morte de dous fillos nun accidente de coche, Jeff Bridges enche a pantalla coa súa presenza intensa, chea de fisicidade, sendo imposíbel imaxinar que sería da película sen el. A espléndida madurez de Kim Basinger contribúe a que o produto final sexa moi eficaz e resultón, un correcto fin para unha Sección Oficial algo escasa de gran cine.