Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE NO PARTIDO POPULAR

Fala Cacharro e defende a Baltar

Dúas persoas teñen neste momento nas mans boa parte da crise do PP galego, dúas persoas que ademais viñan gardando silencio desde a semana pasada: Francisco Cacharro e Xosé Cuíña. Pero Cacharro xa falou, e situouse con bastante claridade da banda de Baltar. De feito, pediulle "aos de Madrid" que non queiran gobernar o partido "nas autonomías e nas provincias".

- 22:21 24/09/2004
Tags:

Francisco Cacharro Pardo respaldou a actuación do seu homólogo ourensán "porque se a alguén lle van curtar a cabeza é lóxico que se defenda" e acusou da crise a cúpula do PP que, segundo el, "ten que respectar as competencias dos órganos territoriais". Cacharro, ademais, soltou unha adiviña sobre o responsábel da crise: "un personaxe que alcanza moitos títulos de 'ex', que está instalado no puro 'ex' e que está acubillado detrás desta crise, provocándoa, empregando o peso de Madrid ao seu favor, e que non dá a cara". "Non lles vou dicir quen é, pero si que llo dixen a Fraga hai algún tempo: leva coidado con el, que se el gaña é porque Galiza perde", engadiu Cacharro.

O presidente da Deputación afirmou ademais que a situación que se está vivindo no PP de Ourense é "grave, trascendental, e trabúcanselle os que lle quitan importancia". Se finalmente se chega a unha escisión, "ninguén tería maioría absoluta, e iso é malo" afirmou. "Todos dentro do PP estamos pasando un mal momento con isto", engadiu, e pediu "o esforzo e a xenerosidade que cumpra para superar esta situación".

Finalmente Cacharro solicitoulles "aos de Madrid" que non non queiran gobernar o partido "nas distintas autonomías e provincias", e sobre a responsabilidade que lle cae a Fraga para resolver a situación, sinalou que "iso o terían que pensar antes, antes de enviar paracaidistas por aí". Con este aliñamento, o presidente da Deputación de Lugo pode inclinar así definitivamente a balanza cara á escisión ou directamente cara a un cambio de poder no PPdeG.


Ligazóns

0/5 (0 votos)