Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FESTIVAL DE CINEMA DE DONOSTIA

A flor do mal

"Robert Guédiguian é un home de esquerdas, que se expresa con valentía e que non dubida en encher as súas obras de mensaxes políticos que comparto con certo entusiasmo. Non me sucede o mesmo co seu cinema, ao cal non lle acabo de coller o gusto". Crónica do Festival de Cinema de Donostia, por Martin Pawley

- 17:57 22/09/2004
Tags:

En 'O meu pai é enxeñeiro' Guédiguian mestura unha relación de amor que se mantén viva ao longo do tempo e o seu característico compromiso ideolóxico nun traballo no que revisita o mito do nacemento de Cristo a xeito de alegoría naif. A min non me interesou nadiña, pero quizá o problema sexa meu, non de Guédiguian.

'Omagh', de Pete Travis, recrea o monstroso atentado do chamado IRA auténtico do 15 de agosto de 1998 e que causou un feixe de vítimas, nenos incluídos, na cidade que dá título ao filme. A investigación posterior acabará revelando que as forzas de seguridade tiñan algo máis ca fortes sospeitas de que unha barbaridade así podía producirse. Narrada con corrección e meticulosidade, con boa caligrafía pero nula inspiración, "Omagh" non pasa de ser un producto de usar e guindar, que se ve con interese e que se esquece de inmediato debido á total ausencia de valores cinematográficos.

Talento, en cantidades industriais, amosouno Claude Chabrol, que en 'A dama de honor' volve ofrecer unha desas primorosas combinacións de amor e suspense vagamente hitchcokiano que tan ben se lle dan. Chabrol xoga cos seus personaxes, aos que un nunca sabe se ama ou detesta, facéndoos saír das súas vidas acomodadas para levalos con sorna polo terreo da perversidade.

O protagonista do filme, o xove Philippe ao que dá vida un estupendo Benoît Magimel, cae fascinado na voda da súa irmá por unha das damas de honor, Senta, unha rapaza algo desquiciada. Tal é o punto de partida da paixón devoradora que envolve a ambos, que terá un xiro inesperado cando ela lle propón cometer cadanseu asasinato como proba dos seus sentimentos. Unha historia de amor sen o edulcorante do romanticismo, como expresou el mesmo nunha deliciosa rolda de prensa na que aproveitou para desmentir un dos mitos asociados á súa persoa: non é certo que evite rodar preto de lugares onde el poida comer ben, senón que procura que poida comer ben todo o equipo. Xenio e figura.

Poucos minutos antes do mestre francés, Anette Benning luciu elegancia e glamur impedíndolles aos fotógrafos eses primeiros planos que poden ser tan crueis con belezas maduras como a súa. Non son capaz de imaxinar a razón pola cal se lle outorgou a ela un Premio Donostia, tendo en conta as pequenas dimensións da súa filmografía. No seu encontro coa prensa dixo o que unha estrela soe dicir nestes casos, lonxe da (fantástica) incorrección política que no seu día exhibira Jessica Lange. Dixo ser demócrata e apoiar a John Kerry, e que o seu marido Warren Beatty non puidera vir porque tivera que ficar na casa coidando os fillos, e todo iso con voz e dición un tanto relambida, como se estivese preparándose para facer un papel de filla de Julie Andrews. Moi familiar, moi mona, e tamén moi sosa.


Ligazóns

0/5 (0 votos)