Tanto o BNG como PSdeG consideran que a crise do PPdeG é o resultado do fracaso de Fraga para intentar manter a unidade do partido coa súa presentación como candidato á presidencia da Xunta por quinta vez. O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, sinalou que "o que estamos a coñecer estes días son os primeiros síntomas da descomposición dun partido que está sen proxecto, sen ideas e, o que é máis grave, que é incapaz de oferecerlle futuro a este país". O secretario de organización do PSdeG afirmou que esta suposta escisión "é a mostra máis evidente de que Fraga pechou en falso a crise do goberno".
O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, considera que a crise interna do PP demostra que a autosucesión de Fraga "nen sequer serve para manter a unidade do partido".
"A día de hoxe, a autosucesión de Fraga é xa unha operación política fracasada. A súa candidatación, lonxe de coesionar o PP, o que serviu foi para que a tensión interna se fixese autenticamente insoportábel. E iso porque Fraga, para voltar a apresentarse, tivo que pagar como peaxe a cesión do control do Goberno e do partido a Mariano Rajoy", afirma o candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza.
Quintana ve claro que "a crise do PP non fixo máis que comezar". "O que estamos a coñecer estes días son os primeiros síntomas da descomposición dun partido que está sen proxecto, sen ideas e, o que é máis grave, que é incapaz de oferecerlle futuro a este país", engade.
A crise co PP de Ourense ten coma orixe o pacto de Fraga con Rajoy en virtude do cal a camarilla "dirixida polo vicepresidente tapado", en alusión a Núñez Feijoo, se fai co mando da Xunta e o seu presidente "se ve na obriga de laminar a unha parte do partido".
"É un espectáculo lamentábel ver como Fraga, no canto de gobernar, tenta finxir que aínda mantén o control da situación. Galiza está sen goberno xusto cando se están a elaborar os orzamentos do Estado para 2005 e o debate territorial entra nun tramo decisivo", afirma o portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego.
O BNG volta a ter razón, acrecenta Quintana, cando afirma que "o PP de Madrid prepara unha fraude ao seu eleitorado ao apresentar como candidato a un Fraga que, no caso moi improbábel de que gañase, non iría gobernar el, senón un tapado ás ordes directas de Rajoy".
O Secretario de Organización do PSdeG-PSOE, Ricardo Varela afirmou hoxe que "vivimos o final dunha etapa que non da máis de sí" e sinalou que "se pon en evidencia a gravedade da crise interna que está a sufrir o Partido Popular de Galicia".
Para Varela esta suposta escisión "é a mostra máis evidente de que Fraga pechou en falso a crise do goberno" e considera que "pon de manifesto o seu fracaso na xestión da sucesión e da transición da dereita".