Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FESTIVAL DE CINEMA DE DONOSTIA

As mellores intencións

Unha película que vén de Serbia e que conta entre os seus protagonistas cunha nena autista parece destinada a ocupar un oco no corazonciño de calquera xurado multicultural. Con todo, as boas intencións non soen ser suficientes para garantir uns resultados completamente satisfactorios. Crónica de Martin Pawley dende o Festival de Cinema de Donosti.

- 15:19 21/09/2004
Tags:

'San zimske noci' (Soño dunha noite de inverno), de Goran Paskaljevic, avanza cun ritmo ás veces algo premioso que lle permite ao espectador meditar sobre cuestións tan transcendentes como a lista da compra ou a comenencia ou non de domiciliar os recibos da luz e a auga. Se un ten paciencia acabará gozando dun desenlace un chisco abrupto pero extremadamente fermoso, que xustifica por si só a contemplación dunha obra non exenta de valores. Era mellor 'A outra América', coa eximia actriz galega María Casares, pero tampouco é cuestión de queixarse demasiado

Xu Jinglei ofrece en 'Carta dunha muller descoñecida' unha adaptación innecesaria do relato xenial de Stefan Zweig, un dos escritores verdadeiramente imprescindíbeis do século XX. Xu Jinglei traslada a acción á China dos anos trinta e corenta con desacougante academicismo e pulcritude, palabras estas que veñen ser o xeito fino de designar o seu rancio acartonamento. Nin o mais mínimo asomo nela da paixón e a elegancia romántica que si soubo darlle Max Ophuls á súa versión de 1948, unha das obras mestras que todo bo cinéfilo debe ter entre as súas favoritas.

Dentro da sección Novos directores do Zabaltegi, 'Cama adentro', unha simpática comedia arxentina dirixida por Jorge Gaggero e cunha importante participación da produtora galega Filmanova. Norma Aleandro interpreta a unha dama sen un patacón nos petos por causa do corralito que trata de manter as aparencias e un certo ar de grandeza ante o mundo en xeral e a súa impagábel asistenta en particular, encarnada pola deliciosa Norma Argentina. Apoiada no seu magnífico guión e no brillante traballo das dúas intérpretes, 'Cama adentro' convértese nun produto máis que correcto que merece ter unha oportunidade nas axustadas axendas das distribuidoras.

O mellor da xornada, claro, os 'Diarios de motocicleta' do brasileiro Walter Salles, a emocionante reconstrución da viaxe que un xove Ernesto 'Che' Guevara e o seu amigo Alberto Granado fixeron en 1952 por Sudamérica. Sobran algunhas frases baleiras e quizá peca dun ton algo haxiográfico, pero en conxunto transmite unha profunda sensación de honestidade, en boa parte debido ao seu tratamento por momentos case documental. Gael García Bernal vai camiño de se converter nun dos mellores actores do mundo, neste caso apoiado polo excepcional traballo dun descoñecido Rodrigo de la Serna, que curiosamente é primo segundo do Che e que amosa o humor e o encanto canalla dos galáns cómicos do cine italiano clásico, ao estilo dun Vittorio Gassman fondón.


Ligazóns

0/5 (0 votos)