A sombra da ameaza dunha escisión no PP pairou sobre a cea que mantiveron en Compostela o presidente da Xunta e o home forte do partido en Ourense, Xosé Luís Baltar. É coñecido o malestar que existe no grupo próximo a Baltar e Xosé Cuíña despois das últimas remodelacións do goberno galego nas que, segundo fontes do PP ourensán foron "ninguneados".
O xornal La Opinión de A Coruña asegura que Baltar acudiu á cea con Fraga "coa firme intención de abandonar o partido". Para o grupo de Ourense, a dirección de Madrid controla neste momento o PPdeG e "a nós só nos chaman para conseguir votos".
Á situación en Ourense únese a posibilidade, non rexeitada, de que Cuíña e un grupo de alcaldes e dirixentes do PPdeG formen un novo partido para presentarse ás eleccións de 2005. Precisamente esta advertencia de Cuíña sería a que levou a Fraga a decidir volver a presentarse como candidato á Xunta, como única opción para "garantir a unidade do partido".