Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FESTIVAL DE CINEMA DE DONOSTIA

A vida e nada máis

"Catro títulos innecesarios a concurso na Sección Oficial nun morriñento domingo de chuvia no que destaca a presentación de 'Xénese', un magnífico documental que, para non perder a tradición, será un éxito de recadación en Francia e non dará un peso en España". Cuarta das crónicas de Martin Pawley para Vieiros, dende o Festival de cinema de Donostia.

- 17:49 22/09/2004
Tags:

'Nine songs', de Michael Winterbottom, presenta unha sucesión alternada de encontros sexuais entre Kieran O'Brien e Margo Stilley e os concertos de rock aos que acode a parella. O ousado da proposta e a brevidade da súa metraxe resultaban a priori moi interesantes, pero infelizmente a iso se reducen os méritos dun filme repetitivo e pequeno en todos os sensos. Na información que se nos dá aos acreditados cóntannos que a maior parte das escenas naceron da improvisación dos dous intérpretes, e en efecto despois de ver a película resulta evidente que detrás do guión e dos seus ridículos diálogos non estaba Ben Hecht, precisamente.

'Tarfaya', do realizador marroquí Daud Aulad-Siad, perde unha boa oportunidade de amosarnos desde o outro lado o drama da inmigración ilegal e as poteiras, metendo o zoco até o fondo ao estruturar a historia arredor dun personaxe feminino nada atractivo. Como ademais está narrada con bastante torpeza o único que un obtén ao vela é perder un tempo que puidera ocupar en cousas mais proveitosas, como pasear pola praia da Kontxa.

A maior decepción do domingo déunola Adolfo Aristarain. Pretenciosa e inzada de frases resabidas, ''Roma' reconstrúe a mocidade dun escritor interpretado por José Sacristán no seu chulesco rexistro habitual e con Juan Diego Botto facendo dous papeis como se un non fose xa dabondo. A película esténdese até as dúas horas e media sen que haxa unha necesidade real de someter a esa dura proba uns espectadores castigados pola incómoda sensación de estar vendo algo así como unha versión arxentina da serie "Cuéntame". Só se salva a actriz Susú Pecoraro no personaxe que dá título ao filme.

En ''Horas de luz', Alberto San Juan é un perigoso preso con tres asasinatos ao seu lombo e un feixe de xuízos pendentes que atopa o camiño da redención grazas á atención e ao amor dunha enfermeira que ten o bonito rostro de Emma Suárez. O problema é que a historia está tan mal contada e con tanta precipitación que acaba por ser totalmente inverosímil, malia estar baseada en feitos reais. As interpretacións, que varían entre o afectado de Emma Suárez e o penoso do Vicente Romero ou José Ángel Egido, non contribúen a mellorar o paupérrimo resultado final.

Nunha xornada como esta entenderán que o meu entusiasmo polo marabilloso documental 'Xénese' non teña límites. Os seus directores, Claude Nuridsany e Marie Pérennou, que xa nos deran probas do seu talento en 'Microcosmos', ofreceron ademais unha apaixonante roda de prensa nunha sala penosamente baleira. 'Xénese' dálle á orixe do universo e da vida a forma dun relato oral na voz dun contacontos africano, Sotigui Kouyaté, mesturando prodixiosas imaxes da natureza con outras trucadas ao mais puro George Méliés, pero sempre renunciando aos efectos dixitais. Poesía, fición e ciencia van da man nunha obra fermosísima e inspiradora que comprende que a vida é, sen dúbida, o maior espectáculo do mundo.


Ligazóns

0/5 (0 votos)