Ford, Welles, Wyler, Ozu, Fellini, Dreyer, Ophuls... Todos eles estaban trabucados. A planificación rigorosa non serve para crear emocións: se un quere transmitirlle sinceridade a unha historia debe optar decididamente por un certo desleixe estético, pola cámara en man e polos primeiros planos extremadamente próximos aos obxectos que se presentan en pantalla. É o que se leva agora, pero sempre cabe agardar a que isto sexa unha moda felizmente pasaxeira. Terceira das crónicas de Martin Pawley para Vieiros, dende o Festival de cinema de Donostia.
'Brødre' (Irmáns), a primeira película a concurso exhibida na Sección Oficial, céntrase na historia de dous irmáns, un deles casado e pai de dúas fillas, o outro mais novo e irado, mesmo ás veces un chisco borde. O maior, militar, é ferido nunha misión en Afganistán e a familia dáo por morto. Realmente non é así: retido nun campamento, acabará véndose obrigado a facer algo terríbel que o marcará para sempre e fará que o seu comportamento se volva algo sinistro. Ao volver á casa, vivirá consumido polos ciúmes cara á relación que na súa ausencia se estabeleceu entre a súa dona e o seu irmán pequeno. Un dramón familiar con algúns excesos e contado nun estilo que pretende ser naturalista pero que non consegue provocar verdadeiro interese no espectador. Realmente, o que lles pase a todos eles tráenos sen coidado. Dirixe, por se lles interesa sabelo, Susanne Bier.
A diferenza desta, 'Ingélézi' (Clandestino), de François Dupeyron, é un espléndido filme. Geneviève (Marie Payen) vén de perder o seu home cando na súa vida aparece Kader (Eric Caravaca), un inmigrante curdo que sobrevive a un accidente do autobús no que viaxaba clandestinamente. Debe chegar a Inglaterra e así llo fai entender repetidamente a ela, que se acaba prestando a axudalo sen case saber ben cómo. Non teñen unha lingua común na cal relacionarse, pero iso non impide que poidan axudarse mutuamente: ela, levándoo ao seu destino, e el, sen ser consciente diso, axudándoa a superar a sensación de baleiro na que se atopa despois de ficar viúva. O formidábel traballo dos dous intérpretes acaba de redondear unha obra francamente recomendábel.
Claro que para cine bo, o de Zabaltegi. Onte, 'Vera Drake', unha marabilla dirixida por Mike Leigh e protagonizada por unha excepcional Imelda Staunton no papel dunha asistenta na Inglaterra dos anos 50 que practica abortos. Faino por axudar outras mulleres, sen recibir nin desexar nada a cambio, transmitíndolles sosego coa dozura do seu rostro ao tempo que lles practica un peculiar recheo vaxinal con auga xabonosa. O cine de Mike Leigh é verdade vinte e catro veces por segundo, e en casos como este trátase dunha verdade certamente amarga, pero tamén moi necesaria.
Un sabor de boca ben diferente é o que nos deixa 'Comme une image' (Como unha imaxe), unha obra mestra da portentosa parella formada por Agnes Jaoui e Jean-Pierre Bacri. Música, literatura, amores que van e veñen, personaxes faltos de autoestima e outros sobrados dela, nun filme solidamente construído coa única regra infalíbel para facer gran cine: bos guións, bos actores e un magnífico e case invisíbel labor de dirección. Así de fácil.