Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MARTIN PAWLEY ESCRIBIRÁ UNHA CRÓNICA DIARIA PARA VIEIROS

O novo filme de Woody Allen abre o Festival de Cinema de Donostia

Melinda & Melinda, o último filme de Woody Allen será o primeiro que se proxecte na 52 edición do Festival de Cinema de Donostia, que se inaugura hoxe. Ata o 25 de setembro, Vieiros ofrece aos seus lectores unha crónica diaria de Martin Pawley, coñecido polos internautas a través do seu blog Días Estranhos. Ésta é a primeira entrega.

- 20:07 18/09/2004
Tags:

Woody Allen. Difícil, por non dicir imposíbel, atopar un cineasta como el que poida reunir a combinación exacta de popularidade e prestixio crítico que el ofrece. Coa estrea mundial da súa última película, Melinda e Melinda, dá comenzo hoxe a edición número 52 do Festival de Cine de Donostia, un dos catro grandes certames, xunto aos de Berlín, Cannes e Venezia, nos que se presentan as apostas máis ousadas e creativas desa arte que chaman sétima.

O xurado, presidido polo escritor peruano Mario Vargas Llosa, repartirá os premios que concede o festival (a Cuncha de Ouro á mellor película, as de Prata ao mellor director, actor e actriz, e os Premios Especiais á fotografía e ao guión) entre os dezaseis filmes a concurso. Dous dos directores participantes xa saben o que é gañar unha Cuncha de Ouro: Adolfo Aristarain, vencedor no seu día por "Un lugar en el mundo" e que presenta agora "Roma", protagonizada por José Sacristán e Juan Diego Botto; e François Dupeyron, quen despois de triunfar con "Que é a vida?" intentará sorprender outra vez co seufilme "Inguélézi".

Entre as películas a priori máis apetecíbeis destacan as creadas por tres cineastas ben coñecidos polos afeccionados: "Mon père est ingénieur", de Robert Guédiguian, "Nine songs", de Michael Winterbottom, que vén precedida dunha certa polémica polo caracter ao parecer bastante explícito das súas escenas de sexo; e "Silver city",
de John Sayles, un magnífico director americano que facía filmes independentes quince anos antes de que esa palabra se convertese nunha simple etiqueta.

Á marxe da Sección Oficial en Donostia proxéctanse títulos que foron excelentemente acollidos ao se exhibir noutros festivais. Por exemplo, "Vera Drake", que obtivo o pasado sábado o León de Ouro na mostra de Venezia erguéndose por riba de Alejandro Amenábar e o seu "Mar adentro". Nesta sección do "Zabaltegi" teremos noticia da xuventude do Che Guevara na recreación que fai Walter Salles en "Diarios de motocicleta"; dos resultados dunha dieta rigorosa baseada no fast food en "Super size me" ou do novo producto de fantasía heroica nacido da imaxinación de Zhang Yimou, ademais dos últimos traballos de Jean-Luc Godard, Claude Chabrol e Agnes Jaoui. O cine hispano e o producido por realizadores novos atopan espazo en Zabaltegi, e neste último caso cun xurado específico que outorga un premio de 90000 euros ao mellor dos filmes presentados.

Un bo festival caracterízase tamén pola brillantez das retrospectivas que organiza. Donostia repasará a filmografía de dous directores verdadeiramente grandes, Anthony Mann e Woody Allen, a quen se lle entrega un dos galardóns honoríficos desta edición, ademais dos que reciben Anette Benning e Jeff Bridges. En "Incorrectos" agrúpanse un
feixe de fitas que teñen en común a súa vontade sempre provocadora e ás veces marabillosamente irreverente. Os irmáns Marx, Luis Buñuel, Monty Phyton e Roger Moore asoman nun ciclo que permitirá recuperar obras tan míticas como pouco vistas, como é o caso do terríbel "Saló" de Pier Paolo Pasolini.

Temos por diante oito días de (agardemos) bo cine. E aquí estaremos, para contalo.

Por Martin Pawley


0/5 (0 votos)