Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA MORTE DE MANUEL MARÍA

Colectivos e institucións lamentan o falecemento do poeta

Diversos colectivos e institucións fixeron públicos comunicados de pesar pola morte de Manuel María.

- 11:40 10/09/2004
Tags:

A Asociación de Escritores en Lingua Galega manifestou "o seu profundo pesar polo pasamento do escritor Manuel María, Membro de Honra da nosa entidade, galardoado coa Letra E que esta concede e sen dúbida unha das máis grandes figuras da historia galega contemporánea.
Nestes momentos facemos chegar o lume do noso corazón á compañeira do poeta Saleta, aos seus familiares e amigos íntimos e tamén a todos os galegos e galegas a quen dalgunha maneira Manuel María consagrou unha das obras máis plurais e significativas de toda a nosa historia literaria.
Convidamos a toda a cidadanía a sumarse a cantos actos se convoquen para devolver dalgunha maneira o moito que Manuel María deu a Galiza, á súa cultura e ás súas letras".

Desde o Pen Club de Galiza, o seu presidente Luís González Tosar e a secretaria Helena Villar Janeiro, que están nun congreso internacional desta entidade en Noruega, enviaron un comunicado no que "lamentan a perda dun dos nosos autores máis representativos, cunha traxectoria caracterizada pola defensa do noso idioma e da nosa identidade. Hoxe o noso pobo, perde ao poeta que cantou as grandezas e as eivas da patria galega, ao cantor da Terra Cha e de todas as xeografías da nosa estirpe. Desde o Ártico, cheos de emoción e de tristeza, so temos palabras para pedir que a terra le sexa leve ao noso poeta".

O BNG emitiu un comunicado no que expresa " a súa enorme dor e profunda tristura pola morte de Manuel María, o grande poeta da nación galega, o autor da obra máis inxente do ponto de vista cualitativo e cuantitativo da postguerra en Galiza.

Manuel María, que cantou especialmente ás clases traballadoras do noso país, mantivo sempre unha atitude ética de fidelidade a Galiza e a súa cultura e língua, así como ao nacionalismo galego como proxecto de emancipación nacional e social.

A súa obra representa un esforzo monumental, ao longo de medio século da historia de Galiza, a favor da divulgación e normalización do noso idioma en todos os sectores sociais, a comezar polos nenos e as nenas, e através de todos os xéneros literarios, principalmente a poesía.

Manuel María é xa un clásico indiscutíbel da literatura nacional e ocupa un lugar senlleiro na historia da nosa cultura. A súa poesía procurou sempre a transmisión da verdade, froito dunha concepción da literatura como expresión da experiencia persoal, mais tamén como medio de comunicación coa sociedade, no seu caso con unha Galiza que el soñaba dona de seu".

Tamén a sección de ensino da CIG quixo amosar "o seu máis fondo sentir polo falecemento do escritor Manuel María.

O ensino galego está de loito. Manuel María contribuiu de forma sustancial a que moitos nenos e nenas se aproximaran á nosa lingua. Os seus poemas, pero tamén o seu teatro son materiais e recursos usados a diario nas aulas. Soubo, como ninguén, trasladar ao mundo dos nenos unha visión do noso País, sen prexuízos, con fondo amor pola patria, cultura e idioma.

O ensino galego é sumamente debedor deste "mestre" que brindou a súa lucidez, intelixencia e saber para con o profesorado. Así, participou ano tras ano nas Xorndas do Ensino que vimos organizando a AS-PG e a CIG-Ensino desde hai 23 anos.

A CIG-Ensino quérese sumar aos actos que está previsto levar a cabo no Museo do Pobo Galego como última despedida, ao mesmo tempo que fai un chamamento ao profesorado para que nos próximos días a súa obra sexa motivo central de traballo nas aulas".

O Concello de Pontevedra fixo público a través do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, "o seu profundísimo pesar" polo falecemento do escritor e poeta Manuel María, ocurrido onte, e sinalou que esta morte "deixa un enorme baleiro na cultura galega".

O Concello pontevedrés indicou que o poeta era "non só un dos mellores representantes da literatura galega actual, senón unha das grandes personalidades da Galiza
contemporánea".

Asemade, Miguel Anxo Fernández Lores afirmou que Manuel María "representa como ningunha outra personalidade da Galiza actual a integridade ética, a coherencia de pensamento e acción, o compromiso do intelectual coa súa terra e co seu tempo, a adicación en corpo e alma ao benestar e ao progreso do seu pais, a defensa incansable e
insobornable da cultura galega, e a identificación con todas as causas que tivesen como norte a liberdade, a dignidade persoal e colectiva e a xustiza social".

Desde a Asociación Galega de Editores tamén enviaron un comunidado no que amosan "o seu maior pesar polo pasamento do poeta e editor Manuel María Fernández Teixeiro, alma da poesía galega dos últimos cincuenta anos. Autor dunha obra literaria monumental, que abrangue dende medio cento de poemarios, a pezas teatrais e textos de literatura infantil, a Asociación Galega de Editores quere suliñar na data do seu pasamento a faceta de Manuel María como editor. Actividade editorial que se remonta ao ano 1949 cando con apenas vinte promoveu a revista Xistral, onde apareceron publicados por vez primeira os seus versos, e que logo continuaría nos anos cincuenta coa colección "Xistral" de poesía que dirixiu con Anxel Xoán e onde publicaron autores como Ramón Cabanillas, Luz Pozo Garza, Pura Vázquez ou Carballo Calero. Xa a finais dos anos sesenta e coa súa dona Saleta Gai, o poeta de Outeiro de Rei creou a libraría Xistral en Monforte de Lemos e, pouco despois, a editorial do mesmo nome. Dende a editora Xistral, Manuel María promoveu a colección de poesía Val de Lemos onde foron publicados volumes tan importantes como "Canciós para un agromar branco i azul" (1968) de Lois Diéguez, "Terra de ningures" (1969) de Celso Emilio Ferreiro, "Inquedo latexar" (1969) de Xosé Neira Vilas, "Home e terra" (1970) de Darío Xohán Cabana, "Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto" (1971) de Margarita Ledo Andión, "Os cas da vida" (1972) de Luis Álvarez Pousa, amais dos seus propios poemarios como as "Canciós do lusco e fusco" (1970).

Na triste data do seu pasamento, os membros da Asociación Galega de Editores queren recoñecer esta contribución decisiva na conformación do proxecto de edición contemporánea na nosa lingua, ao tempo que facer chegar as súas condolencias a súa compañeira e convidar á cidadanía galega a sumarse aos actos de homenaxe que se lle renderán ao poeta no día de hoxe no Panteón de Galegos Ilustres de Compostela e no día de mañá no enterro que terá lugar no seu concello natal de Outeiro de Rei ás 18:00 horas. Beizóns a un grande poeta de noso!".

A Mesa pola Normalización Lingüística fixo un chamamento para participar nos actos homenaxe que se organizaron no Museo do Pobo Galego e salienta "o compromiso de Manuel María con Galiza e co noso idioma, ao que enriqueceu coa súa recoñecida obra, e tamén coa súa defensa pública. Manuel María formou parte activa da nosa organización, comprometéndose sempre en favor dos dereitos lingüísticos do pobo galego".

A Associaçom Galega da Língua (AGAL) envioulle tamén un comunicado ao presidente da AS-PG no que se une "às instituiçons, colectivos sociais e personalidades da Cultura na manifestaçom de profunda dor polo falecimento de Manuel Maria. Contem com o apoio incondicional desta associaçom para colaborar em todas aquelas iniciativas tendentes a honrar a sua memória. Hoje sentimo-nos orgulhosos porque nascemos e vivemos nesta Terra. Hoje somos conscientes de que contribuímos humildemente a fazer pátria. Em Manuel Maria tivemos um dos nossos melhores mestres".


0/5 (0 votos)