"Un poema é un ser vivo que anda, respira, soña, chora, salouca, ama, berra, cintila e escurece, (...) E nunca morre". Foi a de Manuel María unha vida enteira de poemas dende a publicación daquel histórico 'Muiñeiro de Brétemas' no ano 1950. Moitos anos despois e malia ter dito que quería deixar a poesía con dignidade e que por iso non tiña pensado publicar máis versos, saía do prelo para satisfacción dos lectores e por insistencia dos amigos 'Brétemas do Muiñeiro', poemario que o autor rematara había anos. A súa voz non parou de escoitarse os últimos anos en toda Galiza, coa presentación da súa 'Obra Poética Completa', publicada por Espiral Maior, e coa participación en actos da Plataforma Nunca Máis e Contra a Burla Negra, onde puidemos ouvir do seu Escarño contra os destragadores do mundo a conta da marea negra do Prestige. Centos de persoas xa se achegaron desde esta mañá ata o Panteón de Galegos Ilustres de Bonaval, en Compostela, para renderlle homenaxe ao poeta. O enterro será na tarde de mañá venres no cemiterio de Outeiro de Rei. A Asociación Socio-Pedagóxica Galega habilitou este correo para enviar mensaxes de condolencia pola morte de Manuel María.