Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PIDEN A LIBERACIÓN DE PRESOS CHECHÉNS

Doce persoas morreron no asalto á escola de Osetia

Once civís e un dos guerrilleiros morreron esta mañá durante o asalto a unha escola situada na localidade de Beslan, en Osetia do Norte, no sur de Rusia, segundo informa a axencia Reuters. Os asaltantes, que manteñen retidas a máis de 200 persoas, entre nenos, familiares e persoal docente, ameazan con matar a 50 reféns por cada guerrilleiro abatido.

- 15:17 02/09/2004
Tags:

Cando menos duascentas persoas, alumnos de entre 7 e 17 anos, profesores e persoal dunha escola no sur de Rusia son retidos por un grupo de preto de 20 homes armados. O goberno ruso comunicou que os asaltantes dispoñen ademais de cintos con explosivos e ameazaron con activalos se a policía tenta entrar.

O suceso prodúcese nun 1 de setembro que é día oficial da volta á escola na rexión, polo que entre os reféns hai tamén varias ducias de parentes dos cativos que os acompañaran ao colexio. A escola asaltada está na rexión de Beslan, cidade de 40 mil habitantes en Osetia do Norte. Os secuestradores piden a liberación de presos chechenos que permanecen no cárcere na veciña rexión de Inguxetia. O grupo negouse a negociar coas autoridades e amaeazou con volar o edificio malia polo momento non ter posto prazo.

Atentado en Moscova
A acción chega un día despois doutro sanguento atentado na propia capital rusa. Así, o martes estoupaba en Moscova unha bomba xunto a un coche a poucos metros da entrada a unha estación do metro, en plena hora punta de volta á casa. Polo momento son xa 10 os mortos nese ataque e máis de medio cento os feridos. As autoridades sospeitan dunha terrorista suicida. Un grupo que se fai chamar Brigadas Islambuli reivindicou este atentado. Trátase do mesmo que asumiu recentemente a responsabilidade do derrube de dous avións rusos con máis de noventa persoas a bordo. No seu comunicado din estar promovendo estas accións en apoio "aos musulmáns chechéns".

Máis bombas en Israel
Contámoslles tamén da volta á actividade terrorista do grupo palestino Hamás, que deseñou o ataque suicida en dous autobuses na cidade de Beerxeva que este martes causou a morte de 16 persoas, un cativo de curta idade entre eles, e feriu a preto de cen. En resposta, o exército israelí destruiu a casa onde vivía un dos suicidas e lanzou unha operación que levou ao arresto de dúas ducias de palestinos en varios puntos de Cisxordania.


Ligazóns

0/5 (0 votos)