Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CAMPAÑA DE AMNISTÍA INTERNACIONAL

Petición ao goberno para o esclarecemento das "desaparicións" durante a ditadura de Franco

O Estado español foi incluído no ano 2003 polo grupo de traballo das Nacións Unidas sobre desaparicións forzadas ou involuntarias. De forma simbólica, a comisión pediulle ao goberno a investigación de dous casos acontecidos o mesmo ano da fundación da ONU, ao tempo que se lle urxía a axudar as organizacións e parentes que traballan por localizar os corpos de milleiros de represaliados polo réxime franquista.

- 08:38 01/09/2004
Tags:

Aproveitando a data do 30 de agosto, establecida internacionalmente coma "Día dos Desaparecidos", Amnistía Internacional pediulle publicamente ao goberno español a adopción de medidas que lle poñan fin ás dificultades que veñen atopando os parentes para a localización e acceso aos lugares de enterramento e para a exhumación dos cadáveres. Asimesmo, Amnistía insiste na necesidade de contribuír á redignificar ás vítimas.

Amnistía lembra que este tipo de violacións dos dereitos humanos non son inevitábeis e que pode e debe acabarse coa impunidade dos que perpetran esas "desaparicións". Logo de anos de presión de parentes de desaparecidos e colectivos sociais variados, a ONU comezou por fin co deseño dun tratado internacional sobre o tema.

Na historia recente están os casos de Arxentina, con 8.960 desaparecidos, e Chile, 3.197 desaparecidos e un responsábel máximo, o ex presidente Augusto Pinochet, que o próximo 6 de setembro poderá ser á fin interrogado pola Xustiza logo de perder a inmunidade da que gozaba. Asociacións humanitarias denuncian tamén as 7.812 desaparicións en Perú entre 1980 e o 2000 ou as 40 mil en Guatemala a finais dos 80, os milleiros durante o rexime de Sadam Hussein en Iraq ou os 600 desaparecidos en Colombia só durante o 2003 e os 378 no Nepal durante o mesmo ano.


Ligazóns

0/5 (0 votos)