En medio século, a vizosa selva amazónica podería virar nunha pradería coma resultado da explotación madeireira e dos bosques que son queimados para mudar cara usos agrarios. Á beira, os millóns de toneladas de CO2 que eses lumes amazónicos liberan cada ano, agravando o efecto invernadoiro. A advertencia facíana recentemente nunha conferencia internacional responsábeis do Experimento de Grande Escala da Biosfera-Atmosfera na Amazonia, iniciativa que analiza as interaccións da selva amazónica co sistema bioxeofísico global da Terra.