Institucións coma o Igape, a TVG, o MedTec ou Xestur ofrecen exemplo, segundo o PSdeG, de "nepotismo e xestión clientelar" dunha administración paralela "que se converteu para unhas cen familias importantes do PP en finca privada e particular". Procesos de selección irregulares "sen transparencia" son comúns, denuncian os socialistas, que tamén se fan eco das recentes denuncias sindicais da contratación na Xunta por libre designación e para altos cargos de parentes directos de "populares", entre eles varios do propio presidente da Xunta.
Son 89 institucións, cun volume de gasto por riba dos 90 millóns de euros, e case tres milleiros de empregados, que na opinión da deputada socialista Dolores Villarino, "levan quince anos sendo xestionadas á marxe dos principios fundamentais que deberan rexir toda administración pública e garantir igualdade de oportunidades e transparencia na xestión de recursos".
Co informe do consello de Contas do 2001 na man, di Villarino que queda certificado que a administración paralela se converteu nun instrumento "electoral e clientelar ao servizo de persoas afíns ao PP". Segundo Villarino, o sistema xeralizado consiste "nunha asistencia técnica que inicia o proceso de acceso á contratación indefinida". Trátase de contratacións laborais encubertas, para persoas afíns ás que nun momento dado "se lles crean as prazas" e son privilexiadas "nun proceso de selección a medida para o que terán dobre de puntuación que o resto de cidadáns que queiran optar".
A Televisión de Galicia é exemplo perfecto, segundo os socialistas do que acontece: na TVG existirían "23 contratos de alta dirección ilegais" nos que nada teñen que ver o traballo realizado e a competencia designada, "son 23 Urdacis", sentenciou Villarino. Outros exemplos que puxeron os socialistas foron o MedTec, onde por unha asesoría técnica para asuntos de contabilidade lle reporta a unha persoa o equivalente a un soldo de 578 mil pesetas ao mes. O Instituto Galego de Consumo e o Igape, tamén ofrecen exemplos.
Os socialistas presentaron por esta causa dúas iniciativas parlamentarias nas que denuncian as "prácticas viciosas de enchufismo" e critican que dirixentes do PP "convirtan nunha leira particular a administración autonómica". Na opinión do deputado Pablo López Vidal, o que acontece a nivel da Xunta é "unha feira de comercialización de postos públicos e reparto de cargos por parentesco e afinidades políticas". "O que debería ser unha excepción pasa a ser a regra en Galiza", laiouse o socialista.