"Aínda sendo formalmente legais, son prácticas politicamente impresentábeis", afirmou dende o BNG este mércores o deputado autonómico Emilio López Pérez, en referencia ás contratracións de parentes na Xunta denunciadas pola CIG. O parlamentario criticou o uso do período vacacional con esa fin, acusou especialmente á Deputación de Lugo de ser exemplo de nepotismo e laiouse de que sexan "conductas aceptadas coma normais pola opinión pública".
A CIG envioulle este martes aos grupos da oposición a lista destes 21 casos de nomeamentos de parentes de altos cargos da Xunta de Galiza e representantes políticos do PP. A formación pide que se estudie no Parlamento Galego "o recurso ao nepotismo para cubrir postos de confianza e de Libre Designación (a dedo) no organigrama dos distintos departamentos da Xunta de Galicia".
Deputación de Lugo: listaxe de afíns, amigos e parentes
Ao fío das prácticas nepotistas, as denuncias de amaño nas oposicións das deputacións de Lugo e Ourense teñen sido habituais nos últimos anos. O pasado mes de maio, o PSdeG presentaba unha proba que situaba a polémica entre o humor, o desconcerto e a indignación. Non precisaron de bola máxica nin asesoría de mentes prodixiosas para redactar hai uns meses, e ante notario, un documento con predicción de quen entre os aspirantes ás ofertas de emprego público da Deputación de Lugo ía gañar posto. Fixeron prognóstico sobre 46 prazas e atinaron 45.
As contratacións ‘dixitais’ de Cacharro
Na fin do pasado 2003, o xulgado lugués e o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza desestimara por sutilezas burocráticas as demandas do PSOE sobre as sombras das contratacións de persoal na deputación de Lugo. Pero o Tribunal Constitucional admitía a trámite o recurso de amparo presentado polos socialistas, que denunciaban a contratación "a dedo" de familiares e amigos de alcaldes ‘populares’. Neses días, o voceiro socialista na deputación acusaba directamente ao presidente da deputación, Francisco Cacharro, de usar os dous hospitais provinciais para darlle emprego a persoas próximas ao PP.
Ourense, primeira en familias "conectadas"
Curmáns, cuñados, fillos, sobriños, tíos, noras e outras herbas familaires. A parentela ourensá do Partido Popular chucha forte dos tetos das administracións da provincia. Facendo lista só dos familiares de primeiro grao saíanlle case 300 persoas "directamente implicadas" na rede de nepotismo que denunciaba no final do ano 2002 o PsdeG-PSOE en Ourense.
"Vaia ao xulgado e diga que son falsas as denuncias", desafíaba o daquela secretario provincial do PSdeG, Manuel Pachi Vázquez, ao presidente da Xunta. Sumando cargos electos, persoas que ían na lista e familiares de primeiro grao do PP, había nese momento un total de 296 persoas "directamente implicadas na rede".
Catro mulleres de alcaldes, 14 de concelleiros, 43 fillos de alcaldes, 27 fillos de concelleiros, 5 fillos de deputados provinciais, 18 irmáns de alcaldes e concelleiros, 11 noras e xenros, 35 tíos e sobriños e 12 cuñados. Velaí a gran familia do "enchufe e nepotismo".