Ata 1.500 postos de "libre designación" cubertos por designación directa de conselleiros, nunha actitude que segundo denuncia da CIG ten aumentado nos últimos meses "de xeito alarmante". Para ilustrar a situación, o sindicato púxolle nome e apelidos a 21 postos que "polas suas funcións e especificidades, deberian ter criterios de profesionalidade" e que pola contra foron asignados "a dedo" a parentes de conselleiros e políticos do PP. Entre eles atopamos á irmá de Manuel Fraga, dous sobriños e o marido dunha sobriña do presidente da Xunta.
A CIG envioulle este martes aos grupos da oposición a lista destes 21 casos de nomeamentos de parentes de altos cargos da Xunta de Galiza e representantes políticos do PP. A formación pide que se estudie no Parlamento Galego "o recurso ao nepotismo para cubrir postos de confianza e de Libre Designación (a dedo) no organigrama dos distintos departamentos da Xunta de Galicia".
Prazas de directores das Residencias de Maiores, directores das Oficinas de Emprego, Habilitados, Xefes de Distrito da Loita Contra Incendios, Interventores, directores de Casas de Xuventude e centos de xefaturas de Servicio... son algúns dos postos da administración que segundo destaca a CIG deberían cubrirse por concurso "en igualdade de oportunidades e respentando os principios de merito e capacidade" e que pola contra están dependendo de nomeamentos políticos directos. A CIG asegura ter lista de ata 1.500 persoas contratadas "dixitalmente".
Ao respecto citan tamén a última publicación efectuada pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, "coa designación a dedode 26 Xefaturas de Servicios Agrarios e outras 26 Xefaturas de Area de Gandaria, todas elas con Nivel 26, postos que repartidos por todas as comarcas de Galiza van a estar ao servicio dos intereses políticos do conselleiro Diz Guedes" e que segundo critican, evidencian "o mantemento dunha estructura caciquil ao servizo da Consellería".
A lista dos 21 altos cargos que ilustra a queixa da Confederación Intersindical Galega está encabezada por José Benito Suárez Costa, marido da ex ministra Ana Pastor e capitán de mariña mercante de formación, que foi nomeado polo anterior conselleiro Pillado Montero e mantido polo actual, Xosé Palmou, como director xeral de interior e protección civil. A continuación aparece Rosario Fraga, irmá de Manuel Fraga, que malia estar xubilada despois de ser contratada administrativa pola Xunta de Albor, "está como persoal eventual no servicio de documentación dependente da presidencia".
De seguido, aparece o fillo desta e sobriño do presidente, Pedro Puy Fraga, para o cal segundo afirma a CIG "creóuselle a dirección xeral de relacións institucionais na consellería de Presidencia, posto no que ademais aparece súa nai coma asesora. Na opinión da CIG, "a importancia deste departamento queda en evidencia no seu reducídisimo cadro de persoal, soamente dúas secretarias adscritas á dirección".
Outros integrantes da lista son María Puy Fraga, irmá do anterior, que foi nomeada subdirectora do xogo na consellería de Xustiza, "logo dun proceso bastante tortuoso, xa que non participou na convocatoria pública, si ben despois das xestións feitas por súa nai, declarouse deserta a provisión da praza e adxudicouselle a ella". Asimesmo, seu mariodo José Luis Rodríguez Pedreira, "está nun posto de libre designación no Consello de Contas despois de ter ocupado outro, tamén de libre designación, na Consellería de Educación".