Bieito Dubidoso, a novela do neno mago do século XII escrita polo xornalista Roque Cameselle, será levada á gran pantalla. Polo menos, se vai adiante o proxecto de Deboura Cultural, unha nova produtora filmográfica, que pretende converter a novela nun filme de animación.
Bieito Dubidoso é unha historia de aventuras que transcorre na Galiza medieval, durante a época das discordias provocadas por Xelmírez entre Braga e a corte de Compostela. O período "en que Europa era o centro do mundo é Galiza era o centro de Europa".
A trama desenvólvese en Tui, e conta as aventuras dun neno prestidixitador, Bieito Dubidoso, para uns un gran mago para os máis un milagreiro. As súas máis destacadas cualidades son a de hipnotizar, a velocidade inconmesurable do movemento das mans e e de ser quen de facer neve en calquera estación do ano e no lugar que lle veña en gana. Moitos personaxes acompañarán a Bieito nas súas aventuras: Destreza, unha nena provenzal, mangallona e bondadosa, abandonada por uns piratas viquingos, Pedro Cabaledo, o pai de Bieito, comerciante en xílgaros e viños e o simpático criado Perdiz, entre outros. A maxia, o humor, a reflexión histórica e o amor impregnan as aventuras que se suceden nunha trama sorprendente.
Deboura Cultural nace no ano 2003 no Porriño para dedicarse á creación de contidos para medios audiovisuais. Na actualidade, ademáis da creación de contidos e a preproducción e desenvolvemento de diversos proxectos audiovisuais, están volcados na producción da longametraxe Bieito Dubidoso.