O primeiro fin de semana de agosto aconteceu outro incidente sanguento no estado federal brasileiro de Paraná entre uns ocupantes de terra e a milicia dun latifundista. Un mozo, militante do MST (Movemento dos Trabalhadores Sem Terra), faleceu, sete resultaron feridos, ao menos un deles grave. Con esta nova víctima, o número de campesiños asasinados ascende a máis de mil seiscentos dende que hai 20 anos o MST iniciou a súa política de ocupación de latifundios. E amosa, evidentemente, que unha das reformas máis importantes de Brasil, a agraria, promesa estrela do goberno de Lula, sigue aínda pendente de realización. Unha análise de Miriam Bader .
Hai 20 anos o MST se constituíu no estado de Paraná. Naquel entón, un total de 80 representantes de diversas organizacións de todo Brasil se uniron co obxectivo de recuperar o dereito á explotación da terra por parte dos campesiños. Os reunidos constataron a necesidade de organizarse nunha gran asociación nacional para reforzar a súa loita e impulsar unha reforma agraria en Brasil. Dende entón, o MST se converteu no maior movemento social de América Latina e representa en Brasil unha forza politicamente moi influente e poderosa.
A distribución da terra brasileira é unha das máis inxustas do mundo. O 2,8% das empresas agrícolas reten o control do 56,7% de las terras fértiles do país, mentres que o 62,2% dos campesiños posúen soamente o 7,9%. Un total de 4,8 millóns de familias campesiñas non posúen terra e viven en condicións de extrema precariedade.
Segundo dispón o artigo 184 da Constitución brasileira, a terra pode ser expropiada cando non cumpra unha "función social", é dicir, cando non sexa obxecto de explotación por parte dos seus propietarios. En estimacións do Instituto Nacional de Colonización e Reforma Agraria de Brasil (INCRA) nesta situación se atopan aproximadamente 100 millóns de hectáreas, que unicamente serven aos seus titulares latifundistas como unha inversión inmobilizada.
Nos últimos 20 anos, o MST desenvolveu unha activa política de ocupación de fincas, con accións moitas veces espectaculares, orientada a facilitar a explotación destes terreos en barbeito, enfrontándose ás milicias pagadas polos latifundistas, derivando en non poucas ocasións en sanguentos incidentes. As organizacións do MST tiñan como obxectivo "expropiar" as terras inutilizadas para distribuílas entre os campesiños sen terra e alertar ao goberno sobre a necesidade de impulsar unha extensa e profunda reforma agraria.
De 1984 a 2004, segundo fontes do propio MST, se conseguiu asentar unhas 350.000 familias en terreos "expropiados", e unhas 160.000 familias máis viven nos chamados "acampamentos", establecidos nas proximidades dos terreos ocupados, á espera de que a súa nova titularidade sexa recoñecida e lexitimada polo poder público.
Coa abrumadora elección presidencial de Lula en 2002, apoiado polo MST, o movemento intuíu a posibilidade de dar un gran paso adiante na realización da reforma agraria pendente, xa que na campaña electoral tanto esta coma o fomento da agricultura familiar foron presentados coma os desafíos e compromisos máis importantes do goberno Lula, quen na súa etapa anterior, ao fronte da oposición, apoiara sen reservas as reivindicacións deste movemento.
Simbolicamente, Miguel Rosseto, figura moi identificada co MST, foi nomeado ministro de Desenvolvemento Agrario, exercendo así mesmo a dirección do proceso de reforma no campo auspiciado polo INCRA. O seu obxectivo, impulsar a promesa de materialización da reforma agraria, agora chamada PNRAII. O programa do PNRAII contempla o asentamento e a creación dunha infraestructura adecuada para instalar a 450.000 familias durante o mandato de Lula, que finaliza en 2006.
Pero despois de 19 meses de goberno pouco do prometido se cumpriu. A ortodoxia da política económica do goberno do PT (Partido dos Trabalhadores), derivou na habilitación dun presuposto moi reducido, insistindo en satisfacer prioritariamente o pago da débeda externa e o cumprimento dos compromisos contraídos co FMI. Iso dificultou o financiamento das medidas urxentemente requiridas no ámbito social e interno. En 2003 a asignación do ministerio de Desenvolvemento Agrario se limitou a uns 462 millóns de reais, xusto o suficiente para o asentamento de 22.000 familias, a penas a terceira parte das 60.000 prometidas por Lula. Segundo o ministro Miguel Rossetto, para atender ese compromiso se necesitarían, como mínimo, mil millóns de reais.
No ano 2004, o goberno destinou para este fin 1,4 mil millóns de reais, cantidade suficiente para o asentamento dunhas 115.000 familias, pero ata o momento soamente conseguiu instalar a unhas 17.000, revelando a súa incapacidade para xestionar adecuadamente o volume de recursos destinado á reforma agraria e provocando o inevitable descontento entre os campesiños.
Pero non soamente as dificultades na xestión complican a situación. Lula debe evitar ademais que esta política abra un enfrontamento cos grupos conservadores que apoian o seu goberno e que intentan frear a influencia destes movementos sociais. O ministro de agricultura, Roberto Rodríguez, presidente tamén da Asociación Brasileira de Agribusiness, que apoia a orientación da agricultura cara a exportación e as multinacionais do sector que esixen a implantación dos monocultivos para favorecer a producción en masa, soamente practicables en latifundios, é contrario a esta política. Así mesmo, a administración de xustiza amosou en numerosas ocasións unha clara tendencia a favorecer as teses dos latifundistas. Todo iso acrecenta a ameaza de parálise da reforma.
Para impedilo e premer ao goberno brasileiro, nos últimos tempos o MST aumentou as ocupacións. Segundo as súas propias fontes, en 2003, o número de familias que viven nos "acampamentos" se elevou a 116.382, fronte ás 75.730 de 2001.
Soamente valorando que as familias viven debaixo de lonas de plástico, en condicións moi precarias, con frecuencia en rexións sen unha elemental infraestructura social, ameazadas polas milicias dos terratenentes, con risco de perder a súa propia vida, soportando esta situación incluso durante anos, se pode imaxinar como é de grande a desesperación e a pobreza que comparten, e tamén canta esperanza teñen depositada nesa aspiración de contar cun anaco de terreo propio que lle permita mellorar as súas condicións de vida.
Nos vinte anos transcorridos, o MST logrou agrandarse, multiplicar a súa influencia e mesmo viu tamén sucederse a numerosos gobernos, pero a situación das familias campesiñas sen terra non experimentou aínda unha mellora substancial, porque ningún destes gobernos tivo a vontade real de aplicar unha reforma agraria. Con Lula a reforma tamén está pendente.
¿Seguirá todo igual? Con Lula algo significativo mudou: en vez de impedir e reprimir as ocupacións do MST, o goberno se implicou máis no control e eliminación da violencia intimidatoria das milicias dos terratenentes. Lula demostra así que se sinte próximo a este movemento e as súas reivindicacións, unha compensación que non lle impediu deixar entrever que fixou as súas prioridades noutras áreas, concedendo máis importancia á estabilidade da economía que á solución dos problemas sociais, moitos deles crónicos, do seu país.
Esa nova percepción gobernamental dos movementos sociais é un elemento positivo que o MST debe aproveitar en beneficio propio para que as súas xustas reivindicacións poidan abrirse camiño, transformando as vellas esperanzas nunha realidade ao alcance dos campesiños brasileiros en demanda dunha distribución xusta da terra. Diso vai depender en boa medida que no futuro se poida falar en Brasil e con orgullo do tempo de Lula.