Unha política forestal errada, que veu dar nun exceso de piñeiros e eucaliptos que serven de "mecha" para os lumes é unha das causas fundamentais da vaga de lumes que se extenderon pola península os últimos meses. A opinión chega dende a Fundación para o Patrimonio Natural de Europa, institución alemana que defende que unha reforestación a base de especies autóctonas corrixiría a situación e pide políticas europeas ao respecto. A Federación Ecoloxista Galega ten insistido tamén que en Galiza a "eucaliptización" favorece a propagación dos incendios.
Impulsora de proxectos medioambientais en diversos lugares do planeta, o informe de Euronatur subliña entre outros que só un 12% da superficie total é ocupada actualmente no Estado español por bosques naturais. Na opinión da fundación alemana, unha estratexia para a solución do problema dos incendios no futuro pasa pola necesaria reforestación e protección de especies de árbores autóctonas.
Euronatur advirte que a extensión de especies forasteiras non só rachou equilibrios ecolóxicos, senón que incrementou enormemente os riscos en caso de incendio. A estratexia futura a nivel europea debera pasar, segundo afirmou Claus-Peter Hutter, presidente da fundación, pola creación dunha política forestal europea con estratexias claras a longo prazo e por unha recuperación de bosques a través de especies propias dos ecosistemas. En xogo non só perdas ambientais moitas veces irrecuperábeis senón tamén graves consecuencias económicas sobre as zonas afectadas.