Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTUDIO DE AIDEKA E CCOO-GALICIA

TVG: maioría absoluta para Fraga

Do total de minutos dos que os líderes políticos gozaron nos informativos da Televisión de Galiza durante o período previo ás eleccións europeas do 13 de xuño pasado, o 70% do tempo era Manuel Fraga quen se dirixía ás cámaras. Fraga non só protagoniza os bloques electorais, senón que mesmo chega a aparecer algún día noutra media ducia de noticias do mesmo telexornal. Os datos saen do informe elaborado polo sindicato Comisións Obreiras en colaboración coa Asociación para a Investigación e o Desenvolvemento da Cultura Audiovisual.

- 08:58 29/07/2004
Tags:

Goberno autonómico, Partido Popular, organismos oficiais, goberno autonómico, Rajoy e por riba de todos eles o presidente da Xunta, Manuel Fraga, suman a maior cota no reparto de tempos que sae da análise realizada durante as xornadas previas á votación nas últimas eleccións europeas. Destaca no tratamento informativo da TVG a ausencia total de declaracións de Gaspar Llamazares ou de referencias a Esquerda Unida, nuns informativos nos que mesmo se chegou a adicar espazo á formación Unió Valenciá nunha ocasión.

Dous terzos do tempo infomativo da TVG adicados estes días a testemuñas directas estivo protagonizado por membros do goberno ou do partido político no goberno. As declaracións directas dos populares á cámara triplican as destinadas aos dous partidos da oposición xuntos sumados aos representantes do goberno español. Fóra de PP, PSOE e BNG, non hai declaración directa de representante de ningún outro partido. Do reparto para os gobernos central e autonómico, Fraga e conselleiros suman un 83,5% do total, fronte a un 16,5% da administración Zapatero.

Outro dato significativo, das informacións sobre o BNG seleccionadas para emisión priviléxianse as intervencións críticas co goberno central fronte ás que critican ao goberno autonómico. Máis curiosidades detectadas no período analizado: selección de declaracións do PSOE que non recollen as críticas ao PP ou ao goberno autonómico, uso de mellor calidade de imaxe en bloques do PP, acceso de partidos coma Coalición Canaria ou Unió Valenciana mentres IU se evita sistematicamente...

Do tratamento informativo da TVG, os autores do informe tamén critican a saturación sobre o tempo total da presencia de representantes de grupos políticos. Así, avisan que a pluralidade de tendencias e opinións sociais queda totalmente ausente da televisión pública. A opinión dos cidadás está practicamente ausente dos telexornais. Recóllense declaracións de veciños tan só en casos de sucesos. No que lle toca aos asuntos que segundo as sondaxes máis lle interesan aos cidadáns nestes días: terrorismo, paro, vivenda ou mesmo o avellentamento da poboación, de actualidade eses días, non se produce nin unha soa opinión cidadá.

Dos datos deste estudio, os seus autores conclúen tamén a necesidade de que os poderes públicos asuman no máis breve prazo posíbel "este tipo de análises e outros de carácter comparativo que aseguren o cumprimento dos principios de pluralidade política e o dereito de acceso que consagra o artigo 20 da Constitución, estimulando práticas profesionais que axuden a un exercicio profesional no que predomine a excelencia".


Ligazóns

0/5 (0 votos)