Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
A PROPIEDADE DA TERRA É UN DOS PROBLEMAS MÁIS GRAVES DE BRASIL

MST, 20 anos soñando coa reforma agraria

Nos tempos das colonias, as terras de América foron duramente desputadas por portugueses, españois, franceses, ingleses e holandeses, sen contar as poboacións nativas. A loita pola terra provocou ao longo de centenas de anos moitas víctimas, mesmo o exterminio dos pobos indíxenas. Hoxe, pasados máis de cincocentos anos, as terras brasileiras continúan a ser obxecto de batalla interna, debido a unha estrutura latifundiaria que ten a súa orixe nas grandes concesións de terra que a corte portuguesa fixo á súa nobreza no século XVI. Un artigo de Helena Domínguez.

- 19:24 26/07/2004
Tags:

En Brasil conviven, dun lado, facendeiros con xigantescos latifundios, e doutro, traballadores rurais que cultivan plantacións alleas por un salario miserable. Cerca do 1% dos proprietarios rurais posúen en torno ao 46% de todas as terras. A outra cara da moeda represéntana as 400.000 familias labregas sen terra, segundo cifras actuais da Coordinadora de Movementos Sociais do Brasil.

O Movimento dos Traballadores Rurais Sem Terra (MST), unha organización de masas apoiada polos sectores máis progresistas da Igrexa brasileira, leva 20 anos defendendo a necesidade dunha reforma agraria, como forma de aliviar os problemas sociais do país. A súa principal táctica de actuación é a ocupación de terras –os facendeiros prefiren utilizar o termo ‘invasión’-, unha forma de loita que se ampara no artigo 184 da Constitución Brasileira, que establece que deben se expropiados para a reforma agraria aqueles inmoveis rurais que non cumpran unha función social.

De acordo co Instituto de Colonización e Reforma Agraria (INCRA), no Brasil existen case 100 millóns de hectáreas de terras improductivas, e son estas propiedades as que o MST se dedica a localizar e ocupar á noite e por sorpresa, como medida de presión ao goberno para que acelere a prometida reforma agraria.

As ocupacións dos Sem Terra son contestadas, a maioría das veces com violencia, pola policía e polos gardas a soldo dos facendeiros, que aínda así non logran impedir que as familias instalen o seu acampamento. Os militantes do MST poden chegar a vivir durante anos en barracas de lona de plástico, mentres non se resolve o proceso xudicial que lles outorgará cadanseu lote de terreo ou os despexará definitivamente do lugar.

No acampamento Xosúe de Castro, situado nunha facenda á beira dunha estrada de Andradina, municipio interior do estado de São Paulo, viven 53 familias dende hai máis dun ano. Tras varios despexos, culminaron a súa sexta ocupación o pasado 11 de xullo e confían en que a xustiza lles outorgue a propiedade da área en setembro, momento no que poderán comezar a construir vivendas dignas e sementar o campo. "A forza para resistir nestas condicións sae dos nosos propios fillos. Na cidade ves moito neno abandonado, sem escola. Para nós é importante conseguir a terra para producir e manter a familia", explica Elder, un dos Sem Terra.

Nas últimas dúas décadas, o MST mobilizou unhas 300.000 familias, hoxe asentadas na terra, que realizaron máis de dúas mil ocupacións de latifundios, conquistando sete millóns de hectáreas, segundo datos do propio movemento.


A reforma agraria de Lula

O MST e o Partido dos Trabalhadores, mantenhen unha alianza desde mediados dos 80. Os propios Sem Terra fixeron campanha en favor da elección de Lula como presidente e éste prometeu que unha das primeiras cousas que faría en canto chegara ao poder sería a reforma agraria.

Com todo, o MST e Lula difiren na actualidade en canto ás metas da reforma agraria. Os primeiros esixen unha expropiación en masa, e o segundo, afirma que a súa prioridade é investir na calidade dos asentamentos e que non está "preocupado" coa cantidade de familias asentadas.
No 2003, Lula prometeu asentar 60.000 familias, pero só foron beneficiadas 36.000. No primeiro semestre deste ano, a meta era asentar 47.000 familias, que na práctica se reduciron a 22.000, segundo datos publicados recentemente polo xornal Folha de Sao Paulo.


Ligazóns

4/5 (2 votos)