Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE A INDIA

Welcome to Tiruchy

"Regresar é primeiro mirar. E eu miro. Co gozo do coñecido, a ledicia de volver. Que segue todo no seu sitio pero tampouco tanto. Cruzo a noite ata o mencer. A noite chea de camións e pequenos hotels onde tomar un té. Buses coas luces apagadas dentro onde a xente dorme como pode. Coñézoos ben. Hoxe vou en coche. Desde Chennai (Madrás o desterrado nome colonial) ata Tiruchi". Así comeza a primeira das crónicas que nos vai enviar este verán desde a India a nosa colaboradora María Reimóndez. María está no país asiático levando adiante proxectos de colaboración desde a ONG Implicad@s no Desenvolvemento.

- 10:36 20/07/2004
Tags:

Welcome to Tiruchy
Regresar é primeiro mirar. E eu miro. Co gozo do coñecido, a ledicia de volver. Que segue todo no seu sitio pero tampouco tanto. Cruzo a noite ata o mencer. A noite chea de camións e pequenos hotels onde tomar un té. Buses coas luces apagadas dentro onde a xente dorme como pode. Coñézoos ben. Hoxe vou en coche. Desde Chennai (Madrás o desterrado nome colonial) ata Tiruchi.

Mirar na escuridade é unha cousa. Ver vese, que conste. Doutra maneira, iso si. Vese que non me van doer os ósos cando chegue á casa despois de ir aos choutos pola estrada adiante, como hai dez anos. Agora o chan pasa suave por debaixo das rodas. E hai internet, teléfonos móbiles.

Pero cando chega a luz abre a chaira e vexo as mulleres con flores no pelo, os homes lavándose no medio da rúa, desde o alto dunha ponte, os lavandeiros, a casta máis baixa, traballandando nas súas pías. Os sinais, as casas pintadas con anuncios, feitas aínda coa arte do manual que nunca queda perfecto pero que ten o encanto do humano.

Welcome to Tiruchy. Na rúa un leproso pide sen man. Ao lado da vía do tren, as choupanas entran por rúas de lama. Sei ben quén vive dentro. Ese é o meu Tiruchi. Welcome.

O espazo privado
Hai cousas que só se poden ver desde dentro. As mulleres estamos dentro, non é fácil vernos. Pero eu teño sorte. Unha sorte estraña, como tódalas sortes. Unha estraña combinación de xenes que me dotaron da camuflaxe perfecta.

Dentro do fogar, nese espazo inaccesible, ese espazo que o marca todo, onde se loitan as batallas día a día, pasan tamén os rituais máis invisibles. A mañá, un percorrido de ritos desde erguerse e lavar a cara e os dentes, logo o primeiro café, preparar o almorzo comprido, a comida, iso cando hai auga e non hai que ila buscar algures. Lavar a roupa, facer puja, a oración, limpar a casa. E cando todo iso está rematado, o baño matinal. Mentres, o home le o xornal. E isto é, claro, un fogar de clase media pouco común porque ela é doutora universitaria e el un simple traballador social. Os títulos quedan sempre ao outro lado da porta.

Moda política
Hoxe vou ao banco. Agardar ten a vantaxe do tempo que dá a ver cousas, aínda que á inglesa que está diante miña na sección de cambio de moeda cos seus pantalóns curtos e as bragas amosando pola cintura non lle fai moita gracia e despotrica sen contemplacións. Aproveito para comprobar con certa ledicia que non todo son saris e churidares. Unha muller nova entra cunha saia e unha blusa. Unha muller de mediana idade en vaqueiros, camisa e o pelo curto. Recordo cando levar minisaia era un símbolo de independencia.

Agora xa nolo reverteron en mostra cárnica, pero ata eu que de minisaias teño pouco, valoro o seu poder da primeira época. Rebeldía como agora ensinar o tanga. Aquí para iso aínda queda moito. Porque non é só liberarse da fiscalización dos corpos de toda cultura senón tamén loitar contra as acusacións de occidentalizarse. Ou dito noutras palabras, a expulsión social. Os homes, por suposto, hai tempo que deixaron o dhoti, o lunghi e o panchait para poñer pantalóns. Pero eles, claro, son inmunes a occidente.

Matrimonios de inconveniencia
Ao medidía falo con Ambal da legalización dos matrimonios homosexuais. Sei que a el lle interesa o tema. Ambal, o director da nosa contraparte local e coordinadora do noso proxecto, leva anos traballando en prevención da SIDA. Di que ese traballo lle cambiou a vida. Entre outras cousas porque lle abriu os ollos á realidade dos parias totais: as prostitutas, os eunucos. E á hipocrisía dunha sociedade que di que a homosexualidade é un invento de occidente. Á igrexa católica quen lle dera ter ese poder contar cun argumento así, mala sorte.

-Moita cultura –di cun amargo sorriso recachado-, sobre todo para a promoción da SIDA.

Na India as parellas homosexuais non existen e se alguén incorre no delicto de saír do armario pasa a un con barrotes directamente.

Murphy revertido
Estaba visto, segundo as leis de Murphy, que en canto chegase a lente de contacto que tiña algo tocada rompería sen remisión. E así foi. Así que pola lei de Murphy acabei no hospital de oftalmoloxía St Joseph de Tiruchi. A experiencia non tivo desperdicio porque polo menos pode ir unha ao médico sen estar enferma.

Primeiro pasei a un cuarto ateigado (non, non era a sala de espera, falamos da consulta) onde me tocou agardar á amable doutora que me veu inspeccionar a lente de contacto mentres eu inspeccionaba a maneira de graduar as gafas polo precario, unha dilatación de pupila sen máis, e varias lecturas de letras en tamil e en inglés. Unhas cantas pacientes máis tarde chegou a amable señora que non ía vestida de bata branca senón de sari rosa. Nunca vira un cacharro tal. As miñas lentillas foron obxecto de estudo e comentario. Comenteille que comprara o estoxo en Europa e deuse por satisfeita. Despois dunhas cantas lecturas máis de letras (á parte hai un panel só con figuras para quen non sabe ler) e de que unha monxa me botase un ollo por un aparello pasei a agardar ao Señor Doutor, que estaba nunha porta que puña: Órbita e oculoplástica. Entráronme arrepíos. Mais non ía ser para tanto. Pasei ante o galán de cine. E médico ademais. Tiñámos a historia completa. Eu tería que ser pobre, e cantando un par de cancións tiñamos un hit máis para a industria local. Mágoa que a nosa conversa fose tan pouco poética. El intentaba explicarme que para as persoas pitoñas coma min hai o risco de que se nos fagan orificios na retina e que mellor que quedase unhas horas máis (que romántico pero nin de broma, que tiña que ir traballar). Eu contesteille que de retinas sabía bastante, e tamén de órbita e oculoplástica, xa que traballara recentemente nun congreso sobre o tema –de intérprete, claro, non teño intención de facerlle unha extirpación de tumor a ninguén e moito menos tratarlle unha orbitopatía tiroidea...-. En fin, que a canción ía quedar con pouco xeito.

Varias viaxes da sala das señoras de sari rosa á do galán de cine máis tarde saín vendo dos dous ollos despois de pagar o prezo (moi módico para min) da lente a unha señorita que non entendía tamil. E xa de volta á oficina, en moto de paquete coas pernas de lado e xogando a vida entre buses e demais parroquia, viña matinando no que tantas veces. Que tódolos premios Nobel da ciencia debería ir á xente que traballa como no hospital St. Joseph, cos mínimos medios e a maior humanidade. Porque aquí hai a forza da formiga, que levanta moitísimas veces o seu peso. E xa sabemos cómo lles vai ás formigas malia o mérito. ¡MÁIS MEDIOS XA!
Ao final a lei de Murphy devolveume a vista.

María Reimóndez


0/5 (0 votos)