Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
MOVIMENTO DOS TRABALHADORES RURAIS SEM TERRA

"Brasil de fato", a loita contra o monopolio da información

Nun país tan inmenso como Brasil non existe ningún xornal diario de distribución nacional que tenha unha liña editorial de esquerdas. O conglomerado mediático está controlado por sete poderosas familias con negocios en diversos sectores, que "monopolizan" a información desde cabeceiras tan importantes como O Globo ou a Folha de São Paulo. A única alternativa á visión dos grandes media é o Brasil de fato, unha publicación semanal, que soña con converterse en diaria, impulsada polo Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra, MST, como un instrumento máis "na loita polo cambio social e a democratización dos medios de comunicación". Un artigo de Helena Domínguez.

- 14:22 07/07/2004
Tags:

O Brasil de Fato partiu da iniciativa de diversos colectivos do Brasil, en especial dos Sem Terra, que se sentían discriminados polos grandes xornais. "A partir do segundo mandato de Cardoso, a finais dos 90, comezamos a sentir que o MST fora escollido polo goberno como chivo expiatorio para rematar cos movementos sociais. Como as elites non conseguían destruir fisicamente o MST, iniciouse unha campanha mediática para desmoralizar e criminalizar o movemento", explica Nilton Viana, editor xefe.

Así as cousas, xurdiu entre os movementos sociais brasileiros a idea de crear unha alternativa "para responder ás mentiras dos media". Os primeiros ensaios foron publicacións monográficas de catro follas, sen periodicidade fixa, que se distribuiron nas capitais de 22 estados brasileiros. "Percibimos que había unha boa receptividade entre a poboación", asegura Viana, e no 2002, logo de numerosas reunións e contactos, logrouse artellar unha rede de colaboradores formada por intelectuais, artistas, bispos e estudantes de esquerda que brindaron o seu apoio ao xornal e achegaron as súas suxestións. Mesmo o nome da cabeceira foi obxecto de debate, segundo afirma Nilton: "recibíronse máis de 1.500 propostas".

O número cero do Brasil de fato foi presentado en xaneiro de 2003, durante a celebración do Foro Social Mundial de Porto Alegre. Dous meses despois, a publicación botaba a andar cunha tiraxe semanal de 50.000 exemplares e coa intención de non repetir erros do pasado. ‘A esquerda brasileira xa tentara outras veces ter o seu próprio medio de comunicación pero fracasara porque se trataba de panfletos dogmáticos e adoctrinadores, que ademais non coidaban o desenho’, explica Nilton Viana.

O semanario conta hoxe cunha redacción profesionalizada pero máis ca un xornal, é un proxecto político ao servizo da loita polo cambio social e a democratización dos media "Non temos vocación de acabar com outros medios de esquerda que poidan xurdir, só somos un instrumento máis para romper os monopolios de comunicación, algo fundamental para acadar unha sociedade máis xusta", conclúe Nilton.

Con todo, as informacións destinadas a desacreditar o MST non cesan e moitos cidadáns brasileiros teñen unha imaxe negativa deles. "Hai moito aproveitado que non precisa a terra, que ten cartos e coches", asegura a empregada dunha barraca que vende comida e bebida á beira dunha estrada da cidade de São Paulo. Opinións similares ofrecen un conductor de autobús urbano, unha brasileira emigrada en Portugal de vacacións na súa terra e un facendeiro casado cunha galega de Pontedeva.

O xornalista e profesor da Universidade Pontificia de São Paulo, José Arbex Jr, asegura nun artigo que os Sem Terra só logran un oco nos principais xornais para seren relacionados con casos de corrupción ou de violencia que ninguén contrastou. "As actividades diarias non merecen ningún comentario. Case ninguén sabe que o MST educa por medio do método Paulo Freire a máis de 100.000 nenos nos seus asentamentos e que a experiencia foi premiada pola Unesco’.

Problemas de financiamento

A supervivencia do Brasil de Fato é posible grazas aos seus 5.000 suscriptores –pretenden chegar aos 20.000 -e ás doazóns dos movementos sociais, entre os que se atopa a ONG Amarante, que achegou no 2003 unha pequena partida económica ao xornal.

Os ingresos por publicidade son case inexistentes, por unha banda, polos estrictos principios que rexen a publicación, que rexeita anunciantes que non sexan ‘afíns’, e por outra, debido a que fica á marxe dos investimentos do Goberno.

"A campanha da reforma agraria do Goberno foi anunciada na revista Época, unha publicación que os camponeses(labregos) non conhecen. Inserir anúncios no noso xornal sería mais barato e chegaría á poboación que lle interesa", conta Nilton. "Estamos enriba do goberno Lula para que invista no ‘Brasil de Fato’, só pedimos ser tratados da mesma maneira que os outros medios. No 2003 o Goberno destinou á rede Globo 600 millóns de reais e este ano está prevista unha cantidade de 4.000 millóns".

Outro dos problemas aos que se enfronta o semanario é a distribución, xa que se ve na obriga de utilizar as canles dos grandes xornais para poder chegar aos seus lectores. "Foi moi difícil conseguir facer a distribución porque os media boicoteáronnos. Aínda hoxe hai suscriptores que ás veces non reciben o xornal".


Ligazóns

5/5 (1 votos)