Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANIVERSARIO DO PLEBISCITO DO ESTATUTO DO 36

A semente da nación

Galiza. 28 de xuño de 1936. Plebiscito do Estatuto de Autonomía. Máis dun millón de galegos e galegas fican convocadas. A maioría amósanse favorábeis ao Estatuto. Cumpre botarmos a vista máis atrás para sabermos do desenvolvimento do proceso que deu como resultado este feito/data de enorme importancia na nosa Historia e do que hoxe estamos a celebrar o seu 68º aniversario. Un artigo de Uxío Breogán Diéguez.

- 07:17 28/06/2004
Tags:

"A Autonomía, ante todo, primeiro que cuestión económica, problema fiscal ou preito de localidades, é un tema de dignidade colectiva". Enrique Rajoy Leloup, 1933

Logo da queda da dictadura de M. Primo de Rivera (1923-1929) e a Dictabranda, é proclamada o 14 de abril do 1931 a II República. Nacida dun pobo resentido coa dictadura e a monarquía e que agardaba liberarse dun sistema político falto de atención e consideración para con el, agroma a República: a oportunidade para que Galiza, Euskal-Herria e Catalunya puideran ver recoñecido o seu respeitivo feito nacional e avanzar no seu ben-estar. Nesta orde de cousas o panorama político no noso país experimenta o nacimento, en decembro de 1931, e no marco da ‘VII Asambreia Nazonalista’, do Partido Galeguista (PG); da man da xuntanza dun conxunto de organizacións políticas de corte nacionalista. Pedro Basanta e Alexandre Bóveda eran o presidente e secretario xeral, respeitivamente, da nova organización. Entre as iniciativas que desde os seus inícios terá na sua axenda o PG, destacaba como a máis importante a aprobación para Galiza dun Estatuto de Autonomía que garantira os direitos nacionais do país no marco dun Estado español federal.

Así foi que non se perdeu tempo por parte do nacionalismo e traballou-se arreo nas devanditas tres nacións sen Estado para a consecución de cadanseu Estatuto.

No noso país a campaña pro-Estatuto artellariase inicialmente por parte, dunha banda, dos rexionalistas da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) de Casares Quiroga e doutra, ao pouco, dos nacionalistas, inicialmente nucleados arredor das Irmandades da Fala e, despois, do PG. Á altura do 4 de xuño do 1931 desenvólvese na Coruña a xuntanza que, sob iniciativa da Federación Republicana Gallega FRG-ORGA, dá cabida a rexionalistas e nacionalistas e pretende dar como resultado un anteproxecto de texto estatutário base para encetar discusións sobre o marco estatutario. Unhas discusións que na propia asemblea se suscitan a partir da confrontación que se estabelece entre tres proxectos previos de Estatuto, a saber: Bases para un proyecto de Estatuto Gallego, Proyecto de Bases e o Antreproyeito de Estatuto da Galiza. O primeiro texto era da autoría do Secretariado de Galicia en Madrid, o segundo do Instituto de Estudios Gallegos coruñés e o último do Seminario de Estudos Galegos (SEG). O debate dá como resultado uns acordos mínimos, mais o feito de que só se dera cita na asemblea militancia da ORGA e do nacionalismo deslexitima, por minoritaria asistencia, a proposta a facer e salda en fracaso a asemblea.

Aínda así, o certo é que o debate servíu para que a cuestión estatutaria tomara dimensión social e organizacións políticas, entidades e persoas que non estiveron na mesma se pronunciaran arredor da temática en custión.
O cerne da proposta pro-estatuto era a expresada pola "seizón de cenzas sociaes, políticas i-económicas" do SEG no ‘Anteproyeito de Estatuto da Galiza’. Un proxecto realizado non para xustificar feitos, como a personalidade nacional do país, nen lembrar que a nosa nación foi "... próspera i-europea antes de realizada a inxusta uniformidade nazonal que padecemos, senón saber si (ainda ca vagaxe grandemente gravosa que temos d-herdar d-unhos cantos séculos de centralismo) o réximen de autonomía integral que propoñemos nos convén, ou non...". Este anteproxecto constaba de sete títulos sendo o primeiro o intitulado "Do Estado, territorio e cibdadáns da Galiza" que encetaba cun artigo primeiro no que se podia ler "A Galiza é un Estado libre drento da República Federal Española". Desde este intre podemos aseverar que Bóveda estará presente, sendo peza fundamental, en todo o deseño e desenvolvimento do proceso de elaboración e final redacción do Estatuto de Autonomía da Galiza.

Despois desta asemblea desenvólvese, á altura do outono do 1931, outro intento fallido de elaborar un Estatuto que fora consensuado pola totalidade das partes implicadas. Da man dos deputados galegos na cámara baixa do Estado, da denominada minoría galega, o sector republicano e galeguista destes, representado por Antón Vilar Ponte, Ramón Suárez Picallo, Lois Peña Novo, Emilio González López, Ramón Otero Pedrayo e Daniel Castelao, promove en xullo un novo texto a partir dunha xuntanza que se desenvolve na Coruña. Logo desta reunión, na que non se chega a acordo sobre texto algún, decídese desenvolver outra xunta en Madrid que será seguida doutra, tamén desenvolvida na villa y corte, o 15 de outubro. Desta última reunión é froito un texto no que a grande parte das propostas dos galeguistas, en minoría, desbótanse. Este resultado derivaba do intento de integrar no proceso de redacción do Estatuto galego, para que este cobrara lexitimidade, aos deputados de ideario conservador eleitos polas circunscricións galegas. Os galeguistas, mália o resultada, teiman na súa proposta.

A partir deste intre iníciase unha paréntese até a primavera do 1932. Baixo iniciativa de Alexandre Bóveda e Enrique Rajoy Leloup, edil do concello compostelán, o 19 de abril Raimundo López Pol, alcalde de Compostela, entende necesario reactivar o proceso estatutario. Nesta orde de cousas a cámara municipal compostelá aproba días despois a convocatoria dunha xuntanza, na propia cidade, de todos os concellos do país para debatiren arredor do que tería de ser o texto definitivo do Estatuto de Autonomía. A resposta da maioría dos concellos á devandita convocatoría será positiva, adheríndose ao proceso. Convócase unha xuntanza preparatorio e ábrese un prazo para a confección dun texto base que será o discutido posteriormente na que coñeceremos como ‘A Asemblea de Concellos de Galiza’. Finalmente márcase data para a asemblea a través da convocatoria asinada, con data 1 de novembro, polos alcaldes de Compostela, Ferrol, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Betanzos, Mondoñedo, Noia, Tui, O Carballiño e Lalín.

A Asemblea de Concellos Pro-Estatuto

O 10 e 11 de decembro de 1932 desenvolviase en Compostela a II Asemblea do PG. A organización que aporta aos activos pro-Estatuto máis dinámicos trata nesta asemblea varias custións, mais fai da cuestión estatutário o asunto que máis tempo ocupou nos debates. Nas conclusións programáticas recollidas polo PG nun caderniño pódese ler "... o Estatuto é a meirande preocupación d-estas horas críticas...". Certamente, non hai dúbida da importancia que tivo para o PG o Estatuto e os esforzos que invertíu, baixo a dirección de Bóveda, na súa realización.

O sábado 17 de decembro de 1932 encetaba ás doce e media da mañá no Salón de Actos da Facultade de Medicina compostelá a sesión inaugural da Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto. Ao longo de tres días debateriase –retransmitindo para América- arredor do texto estatutario. Xaime Quintanilla, alcalde de Ferrol, nomeado presidente da Asemblea non faría o próprio por baixa médica e sería sustituido polo alcalde pontevedrés Bibiano Fernández Osorio Tafall, que se encargaría da apertura do acto. A seguinte nota xornalística presenta as primeiras horas do 17 de decembro en Compostela: "Desde las primeras horas de la mañana se advirtió una desusada animación en toda la ciudad. Casi todas las casas lucían colgaduras respondiendo a la invitación que hizo el señor Alcalde en su circular de ayer. A diez de la mañana recorrió las calles la Banda de Beneficencia ejecutando algunas de sus más escogidas partituras . Casi en todas las calles había rotuletas dando la bienvenida a los asambleístas y exaltando el amor a Galicia".

En xeral foi unha asemblea de grande debate, en canto temática e duración na que Galiza, representada a través dos seus concellos -227 representados dun total de 319- se xogaba o seu Estatuto. Só duas cuestións levantaron o ton dos asembleistas: a cooficialidade do galego e o español e a capitalidade da Autonomía. A intervención de Alexandre Bóveda en favor do galego e fronte Montero Díaz, fixo que a inmensa maioría dos presentes apostaran pola necesidade da equiparación do galego e o español. Non en ván tense escrito que naquela asemblea "... discutiuse, artigo por artigo, a Ponencia formulada pola Comisión de téinicos, producíndose debates acalorados e de grande outura, nos que se puxo de manifesto a voutade férrea e o talento luminoso de Bóveda, herói daquelas xornadas". A temática referida á capitalidade adiariase para outra xuntanza; o importante era que os concellos lle deran luz verde ao Estatuto para o plebiscitar. Así foi. 209 concellos, dos 227, deron o seu voto afirmativo ao texto.

Logo da asemblea editoriais de xornais, volantinas e cartaces, entre outros meios, foron utilizados para expresar o éxito que supuxo o resultado da xuntanza e transmitir ao conxunto da nación o feito histórico que representaba a aprobación do articulado estatutario. Podíase ler nun periódico do momento: "Ya tenemos Estatuto. Ya Galicia dió su primer paso para su liberación del yugo centralista y se dispone a plebiscitar su Estatuto".

28-X, o plebiscito

O camiño cara a aprobación do Estatuto estaba, en parte, andado, só restaba, como nesta nota xornalística se resaltaba, plebiscitalo. O triunfo da dereita máis reaccionaria e españolista nas eleicións estatais de novembro do 1933 fixo que o proceso estatutario ficara conxelado. Haberá que agardar ao triunfo nas eleicións de febreiro do 1936 da coalición de esquerda Fronte Popular, na que estaba integrado o PG. Coa vitoria desta fronte eleitoral, e mercé ao acordo que o PG consegue dos seus socios, desconxélase o proceso. Así márcase data para o plebiscito: 28 de xuño.
A campaña que os socios da Fronte Popular, tendo á cabeza ao PG neste asunto, realizan a prol do Estatuto será intensa, achegando a necesidade da aprobación do texto estatutario a todo recuncho do país. Mítins, intervencións radiadas –incluso a América-, concentracións, coladas de cartaces, de verdadeiras obras de arte dos nosos mellores artistas –Castelao, Maside, Díaz Baliño, Vidarte, Zeus, Díaz Pardo, etc, son boa proba da campaña.

O 28 de xuño era o Día, con maiúscula. Esa axitación calculada que se vivía na Galiza deu como resultado, segundo o escrutinio oficial, que, dun censo de 1.343.135 votantes, se pronunciaran favorabelmente ao Estatuto 993.351 galegos e galegas. Fronte a estes ficaba unha insignificante minoría de 6.161 sufraxios. Xa que logo superáranse as dúas terceiras partes necesarias para que fose vinculante a postura proclive ao Estatuto. O camiño seguía aberto para chegar até o último tramo: a aprobación/ratificación en Cortes do Estatuto que sería elevado a Lei. O 15 de xullo entregábaselle ao presidente do Congreso español o texto estatutario. O día 17 Manuel Azaña, á sazón presidente da República, conversaba coa delegación oficial galega que viña de entregar o Estatuto. O 18 de xullo as novas non podían ser piores... Aquel noso Estatuto sería aprobado en México, no exilio, en novembro de 1945. Moitos dos seus artífices foran, case dez anos antes, asasinados logo do Golpe de Estado. Mais a aprobación do Estatuto constatou que deixaran semente de vencer!

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, (Madrid, 1978). Formado como historiador na USC fica especializado na Historia do nacionalismo galego. Xerente da Fundación Alexandre Bóveda (FAB). Director de Murguia, Revista Galega de Historia. Ten publicado diversos artigos sobre esta temática, entre os que destacan os relativos aos mozos Ultreyas e ás Mocedades Galeguistas; ponente en distintos seminarios e congresos. Autor dos libros A Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto (FAB, Pontevedra, 2002) e Álvaro de las Casas. Biografía, Documentos e Epistolario (Galaxia, Vigo, 2004). Ten colaborado en diversas publicacións como Terra e Tempo, A Trabe de Ouro e Grial.


5/5 (2 votos)