Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANIVERSARIO DO PLEBISCITO DO ESTATUTO DO 36

Aquel primeiro estatuto

Hoxe cúmprense 68 anos daquel 28 de xuño de 1936 en que o pobo galego aprobou en referéndum un proxecto de autonomía política, o primeiro da súa historia, que non puido implantarse realmente porque se cruzaron no seu camiño os salvadores doutra patria, aínda ó precio dun xenocidio e dunha destrucción sen precedentes. Un artigo de Justo Beramendi.

- 16:21 28/06/2004
Tags:

O camiño para chegar a ese día non fora doado porque a maioría das forzas políticas actuantes en Galicia, dende a extrema dereita á extrema esquerda, seguían a profesar un centralismo españolista sen fendas, agás o Partido Galeguista e, en menor medida, o Partido Republicano Gallego de Santiago Casares Quiroga. Malia este ambiente político maioritariamente hostil á autonomía, esas dúas forzas, e moi especialmente a nacionalista galega, foron quen de cumprir o previsto na Constitución de Segunda República conseguindo que a gran maioría dos concellos de Galicia aprobasen en Santiago un proxecto de Estatuto nunha data tan temperá como o 17-19 de decembro de 1932. Xa só restaba, para culminar o proceso, a convocatoria do referéndum, que debía facela o goberno central, daquela de centro-esquerda e ó que pertencía o propio Casares Quiroga. Pero os problemas da República eran moitos e moi graves e a cuestión galega ocupaba un lugar moi baixo na lista de prioridades da alianza republicano-socialista. O referendum foise adiando ate que nas eleccións de novembro de 1933 subiron o poder as dereitas, daquela totalmente antiautonomistas. Foi preciso que as esquerdas españolas sufrisen a persecución, como a sufriron os nacionalismos de Cataluña, Euskadi e Galicia, por parte dos novos gobernantes para que se decatasen de que democracia e descentralización eran indisociables en España. Este cambio de actitude fixo posible que se incorporase ó programa da alianza de tódolos demócratas, o Frente Popular, a rápida culminación dos procesos autonómicos en marcha e a restauración da Generalitat catalana, en caso de que recuperasen poder. E asi foi gracias á victoria electoral de febreiro de 1936, co Partido Galeguista formando parte do Frente Popular en Galicia.

Deste modo empezou a crebarse, aínda que fose dun xeito efímero, a ininterrumpida tradición centralista da traxectoria anterior do Estado español. De aquí que fose un auténtico fito histórico, malia tratarse dunha autonomía limitada de abondo, menor en moitos aspectos que a actual. É certo que tería un parlamento elixido por sufraxio universal, do que emanaría un goberno e un presidente, e que se prevía certa descentralización da administración de xustiza. É certo tamén que se instauraba a cooficialidade do castelán e do galego, e a obrigatoriedade do ensino deste na escola primaria, e que se daban pasos simbólicos importantes tendo en conta a situación anterior, como o recoñecemento do himno e a bandeira. Pero o nivel competencial era pequeno, sobre todo na capacidade de lexislar. Por exemplo, o poder central conservaba o control sobre o sistema educativo a tódolos niveis e só se permitía ó poder rexional crear centros propios en paralelo cos estatais.

Con todo, ese 28 de xuño é unha data merecente de lembranza polo que tivo de primeira apertura ó autogoberno e de acto lexitimante a posteriori da autonomía que hoxe ten Galicia ó abeiro da actual Constitución, aínda que a moitos esa autonomía nos siga parecendo insuficiente.

Justo Beramendi é catedrático de historia da USC.


0/5 (0 votos)