Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
SEGUNDO UN ESTUDO ENTRE ADOLESCENTES, FALAR GALEGO É UN INDICIO DE FIDELIDADE

O galegofalante, ou pailán ou do Bloque

Os mozos galegos cren que as persoas que falan galego ou teñen acento galego falando castelán aínda representan a imaxe do pailán, conforme o estudo 'O galego segundo a mocidade' da Real Academia Galega (RAG), que se acaba de publicar. O traballo, realizado cunha novidosa metodoloxía, tamén sinala que está mal visto cambiar de idioma ou que existe un compromiso importante dos mozos coa lingua.

- 17:39 16/06/2004
Tags:

Na investigación, na que traballaron dez persoas con coñecementos de socioloxía, psicoloxía e lingüística, constatouse que os adolescentes galegos "non acaban de percibir con claridade a utilidade de falar no seu idioma", segundo indicou Manolo González, participante no estudo e secretario da Academia. Só cren que o galego está ben para optar a un posto na Administración ou na Universidade. González explicou que os mozos consideran aos que falan galego "máis fieis e divertidos" mentres que os que falan castelán terían maior «capacidade de liderado e de innovación».

O único estudo semellante era o establecido no Mapa Sociolingüístico de Galiza, tamén publicado pola RAG, e baseado en cuestionarios pechados. Neste caso empregouse unha metodoloxía aberta, "máis refrectaria ao ideal do socialmente aceptable", como sinalou o seu coordinador, Håkan Casares. Máis de mil mozos e mozas, entre 13 e 29 anos, de cidade, vila e agro, foron sometidos a grupos de discusión, entrevistas e profundidades e exames coa técnica de máscaras, isto é, enganando os interrogados a través de modelos de voz.

Entre os resultados do estudo tamén se pode destacar que os mozos vencellan o galego nas zonas urbanas a un "posicionamento político nacionalista". Para Manolo González, a pervivencia desta asociación entre idioma e ideoloxía "é moi perigosa" e engadiu que non se chegaría a unha normalización "mentres exista unha adscrición" ao nacionalismo "porque o galego ten que ser de todos".

Con respecto á relación co estereotipo do pailán, ademais de constatar a súa pervivencia significativa, notouse que estaba peor cualificado entre os mozos o acento galego cá fala do galego, é dicir, que está máis asociado á ignorancia e ao rural un castelanfalante con ortofonía galega ca un galegofalante con ortofonía máis neutra ou castelá. Esta percepción é peculiarmente intensa no que se refire ás mulleres.

No estudo tamén se constata que o sentimento de identidade galega non está apenas relacionado coa lingua, e si con outros factores máis persoais, e que esta asociación é loxicamente menor entre a poboación castelánfalante. Particularmente interesante é a penalización do cambio de lingua. Pero, mentres a xente que cambia de falar galego para falar castelán se xulga con indulxencia, pensando no éxito social que se quere conseguir, a xente que cambia de castelán para galego é xulgada con severidade como persoas "que queren destacar ou diferenciarse dos demais", segundo apunta Håkan Casares.

Como resultados positivos do estudo, sinálase que non existe hostilidade aberta dos mozos cara á lingua en ningún caso, e que a diversidade lingüística se ve como un factor positivo na nosa sociedade. Ademais, os responsábeis da investigación advertiron un importante compromiso dos mozos co galego e unha vontade de estenderen o seu uso, independentemente de que despois eles tomen a decisión individual de cambiar de idioma ou non.


0/5 (0 votos)