Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ACTIVIDADES, APARCADOIROS E PUNTOS DE INFORMACIÓN

Guía práctica para asistir á Marcha Mundial das Mulleres

Que acontece en Vigo entre o 22 e o 23 de maio? En que actividades podemos participar? Que temas tratan no Foro? Que é e onde se localiza a Feira Feminista? Haberá sitio para aparcar o coche? A estas e a outras cuestións prácticas tentamos dar resposta nesta guía, para que a ninguén se lle complique a participación na Marcha Mundial das Mulleres por falta de información. Imprime este documento se non queres perderte!

- 10:26 23/05/2004
Tags:

FEIRA FEMINISTA

Que é: exposicións fotográficas, obradoiros, proxeccións, debates e representacións teatrais, entre outras actividades, de asistencia libre e gratuíta.
Cando: sábado 22 de maio, de 10 da mañá a 8 da tarde.
Onde: Zona de beiramar. Diferentes espazos, segundo temática.

-Praza da Estrela: Muller e medio ambiente. Muller e antimilitarismo.

-Praza do Náutico: Educación para a igualdade. Saúde, dereitos reprodutivos e aborto.

-Estación Marítima: Mocidade. Mulleres inmigrantes.

-Mirador da Praza da Pedra: Violencia de xénero.

-Praza do Berbés: Feminización da pobreza, dereitos laborais e sociais. Liberdades sexuais.

-As Avenidas: casetas de organizacións feministas e postos de artesanía.

Máis información

FORO DE DEBATE E REFLEXIÓN

Que é: mesas de debate, a cargo de recoñecidas expertas. Asistencia previa inscrición (o prazo rematou).
Cando: o 22 de maio, durante todo o día.
Onde: no Centro Cultural Caixa Nova (Rúa Policarpo Sanz).

Abórdanse os seguintes temas:
-A sustentabilidade ecolóxica, alternativas feministas
-Mulleres e espiritualidade, corporidade e resistencia
-Contribucións feministas na orixe e desenvolvemento dunha Constitución Europea.

Haberá tradución simultánea em francés, inglés, español e galego-portugués.
Máis información


CONCERTO

Que é: concerto de Uxía, Amparanoia, Mercedes Peón, Souad Massi e Tucanas. A entrada custa 6 euros.
Cando: 22 de maio, a partir das 20.30 horas.
Onde: no Parque de Castrelos.


MANIFESTACIÓN

Que é: acto reivindicativo convocado pola Marcha Mundial das Mulleres, baixo o lema "Diferentes si, desiguais non'. A organización agarda a asistencia de 30.000 mulleres, procedentes na súa maioría de Galiza e do Estado español, ademais de representantes de colectivos feministas de Francia, Portugal e doutros países europeos.
Cando: o 23 de maio, con saída ás 12 da mañá.
Onde: a manifestación parte da Praza dos Cabalos e continúa por Gran Vía, Rúa Venezuela, Camelias e chega ao punto final nas Travesas. Alí celebrarase un acto presentado por Ana Romaní, e no que intervirán as galegas Victoria Iglesias e Lupe Ces; e a holandesa Charlot Pierik e a belga afincada no Quebec, Brigitte Verdiére, ambas as dúas integrantes veteranas da Coordinadora da Marcha Mundial das Mulleres.


ONDE APARCAR

Autobuses: deben aparcar na estación de Autobuses de Vigo, na Avenida de Madrid, a 5 minutos da Praza dos Cabalos, punto de partida da manifestación.

Coches: a organización recomenda estacionar os coches particulares en Navia. Hai que coller a circunvalación que está fronte á estación de autobuses de Vigo e ir en dirección á Avenida de Castelao (no barrio de Coia) e na rotonda antes de empezar a Avenida de Europa, coller dirección Navia.

ONDE COMER

Na Praza da Estrela, na zona de beiramar, haberá un posto de comida pero a organización recoméndalles aos visitantes que fagan uso dos establecementos de hostalería do casco vello vigués, preparados para a ocasión.

PUNTOS DE INFORMACIÓN

-Na Lonxa do Concello, na Praza do Rei.
-Rúa Teófilo Llorente, na zona de Beiramar, ao lado da Pedra.
-Rúa Cánovas del Castillo, na zona de beiramar.
-Porta do Sol, ao lado do Sireno.


0/5 (0 votos)