Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XL PREMIOS DA FUNDACIÓN DO PEDRÓN DE OURO

A pedagoga Antía Cal e o Centro Galego de Barakaldo, reciben o Pedrón

O domingo entregáronse en Padrón os premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra a pedagoga e mestra Antía Cal e ao Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo, respectivamente. Esta foi a 40ª convocatoria dos premios do Pedrón, instituídos en 1964, pola fundación homónima.

- 06:06 24/05/2004
Tags:

A mestra viguesa Antía Cal foi pioneira en Galicia na educación de vangarda, respectando durante o franquismo as recomendacións educativas da UNESCO, como a igualdade entre nenos e nenas, ou a promoción do galego. A escola que ela creou chamouse Rosalía de Castro, e as súas aulas 'Labregos', 'Mariñeiros', 'Castelao', 'Bóveda' ou 'Padre Sarmiento'.

Co Pedrón de Ouro, a Fundación trata de sobrancear aquela personalidade ou entidade vivas e residentes en Galiza que teñan destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional galega.

O padroado da Fundación do Pedrón de Ouro decidiu tamén este ano recoñecer o labor do Centro Galego de Bizcaia en Barakaldo, pola súa longa vida, xa centenaria, "ao servizo das causas de Galiza nas terras de Euscadi". Queren tamén recoñecer a súa atención ás necesidades dos galegos emigrados na área do Gran Bilbo, fomentando a solidariedade entre eles e cos outros pobos cos que conviven.

Os actos de entrega comezaron ás 13:00 coa tradicional ofrenda floral ante a estela de Rosalía e, de seguido, despois de lembrar a figura de Xaquín Lorenzo, procedeuse á entrega dos premios, na que participaron Xosé Ramón Fandiño, membro do Pedrón de Ouro como presentador, e como mantedor, Antón Costa Rico, profesor de Historia da Educación e un dos impulsores do movemento da Nova Escola Galega.


5/5 (1 votos)