O primeiro porque non quere e o segundo por decisión federativa. O ferrolán Moncho López, adestrador da selección española de baloncesto tiña praza fixa para as Olimpíadas, máis aínda logo do éxito no pasado Eurobásquet en Suecia, onde España gañou a prata. Pola súa banda, Gómez Noya dependía de que a Federación o convidase logo de non conseguir o pasado domingo no Mundial acceder a un dos postos que lle terían dado praza directa.
A razón ‘oficial’ da renuncia de López a ir a Grecia: a incompatibilidade da cita co seu acordo para dirixir o Breogán lugués a próxima tempada. Na sombra, o presunto boicot, falta de apoio e as rifas con diversos membros da Federación Española.
No caso do tamén ferrolán Gómez Noya, malia ser campión do mundo sub 23 hai un ano e quedar oitavo hai poucos días no mundial desputado en Portugal, a Federación decidiu que fosen o vasco Eneko Llanos, recente subcampión de Europa e o catalán Xavier Llobet os que estean á beira do ordense Iván Raña. Confírmase tamén que a ceense Pilar Hidalgo estará en Atenas. A cita: os próximos 25 e 26 de agosto.