Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
SOBRE A GUERRA CONTRA O TERRORISMO

Posada Carriles: ¿Un terrorista tolerado?

O martes 20 de abril de 2004, fíxose pública a sentencia contra Carlos Posada Carriles e outras cinco persoas por planear un atentado contra Fidel Castro durante o 10ª Cumio Iberoamericano, celebrado en Panamá no ano 2000. Posada Carriles posúe un largo historial coma mercenario, supostamente ó servizo da CIA e de varios gobernos centroamericanos. En 1976 ordenou a dous dos seus colaboradores atentar contra un avión da Cubana de Aviación, que estoupou sobre as costas de Barbados causando a morte dos seus 70 ocupantes. Este e outros actos terroristas admitiunos con total desvergoña na súa autobiografía e en varias entrevistas.

- 08:47 05/05/2004
Tags:

A súa detención tivo lugar coma resultado das declaracións de Fidel Castro do 17 de novembro do 2000, nas que denunciaba un complot para atentar contra a súa vida. A intelixencia cubana presentou ante as autoridades panameñas diversos documentos con información sobre os supostos conspiradores, nos que aparecía xunto ós condenados o nome de Santiago Álvarez Fernández-Magriña, o que non lograron deter. Durante a celebración do xuízo presentáronse múltiples probas, entre elas varias cargas explosivas que demostraron a implicación de Posada Carriles.

A polémica nace cando Santiago Álvarez preside, días despois da sentencia, unha cea en Miami na que se recadaron fondos a favor dos condeados. O rechamante é que nesta reunión, presidida por un home reclamado dende a Interpol e realizada no país que pretende liderar a nivel mundial a loita antiterrorista gozou, pese o seu carácter publico, de total impunidade. As autoridades estadounidenses non cursaron ningunha orde para deter esta recadación a favor dun terrorista recoñecido.

É de sinalar, chegados a este punto, que o 30 de xaneiro de 2003 o Office of Counterterrorism dos Estados Unidos difundiu un documento no que precisaba o concepto de terrorismo e especificaba que solicitar fondos para apoiar ás organizacións terroristas era unha actividade a combater como parte da loita contra esta lacra. Outro incidente que pon en dúbida a loita dos Estados Unidos contra o terrorismo ocorreu en maio de 2002. George Bush pronunciou un discurso en Miami. Un dos seus invitados de tribuna foi o anticastrista Orlando Bosch, tamén relacionado no atentado contra a Cubana de Aviación. Un asesor do presidente descubriu que o FBI o tivera incluído na lista de terroristas e lle asignaron un asento entre o público para que pasase desapercibido.

O profesor Saul Landau, membro do estadounidense Institute for Policy Studies, realizou un traballo no que expón moitos máis casos de simpatía dos Bush cara ós anticastristas, incluídos aqueles que recorreron ó terrorismo coma forma de acadar os seus fines políticos. Non debemos esquecer que diversos anticastristas realizaron xenerosos donativos ó Partido Republicano, sempre caracterizado pola súa dura actitude cara Fidel Castro. Ademais, Florida, estado no que se concentra o exilio cubano, está gobernada por Jeb Bush, irmán do actual presidente estadounidense, e o voto dos exiliados é chave para gobernar este estado.

Esta situación desprestixia a loita do presidente Bush. Aceptar o diñeiro de organizacións legais que apoian un terrorismo que ocorre noutro estado pon en tela de xuízo o implacable desta loita. E, desgraciadamente, aínda hoxe moitos de nós identificamos en determinados casos o terrorismo como algo aceptable baixo determinadas circunstancias, ou o consideramos unha reacción lóxica a certas actividades do estado. Todo iso termina por crear na sociedade a idea de que existen uns terrorismos perigosos, normalmente aqueles que poden resultar unha ameaza para os seus compoñentes, mentres outros non son perseguidos coa enerxía que segundo as leis debería corresponder a esta loita. Bush non é o único líder que tolera e incluso amosa a súa simpatía por unha organización que entre os seus medios recorre á violencia armada. O terrorismo de estado exercido dende Israel, a loita palestina, os intentos dos anticastristas de acabar con Fidel Castro, os diversos grupos implicados no agora acougado conflicto do Ulster. Todos eles contan ou contaron coa complicidade de cidadáns, institucións e estados que non aceptan eses métodos como lexítimos en outros conflictos. Isto da lugar a unha situación na cal, aínda hoxe, quedan santuarios para o terrorismo como no seu día o foi Francia para ETA. Nalgúns casos, estes grupos dispoñen, fóra das fronteiras do estado contra o cal atentan, de apoio loxístico e económico. Outros simplemente gozan dunha nula presión por parte das autoridades locais, máis preocupadas por atender ós problemas que consideran propios, coma se o terrorismo non fose un problema de todos.

Este non é un problema doado de solucionar. A falta de colaboración entre as autoridades de diversos países e os problemas á hora de acordar quen é un refuxiado político e quen un terrorista sempre foron fonte de controversias entre os estados. Isto resalta as carencias na loita contra o terrorismo. A forma na que os gobernos dan prioridade a loita contra aqueles terrorismos dos cales poden ser obxectivo, a ausencia dun órgano internacional que se ocupe da loita antiterrorista a nivel global, a falta de órganos que actúen como mediadores nas extradicións e a ausencia de tribunais internacionais que se ocupen especificamente deste crime, son vellos problemas que debido a importancia que obtivo o terrorismo nos últimos anos volven á palestra.


0/5 (0 votos)