Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"BUSCAN ESPECIALIZARSE NOUTROS PAÍSES"

Os mozos galegos emigran para estudar fóra, segundo a Xunta

"Se vostede fai unha enquisa entre os galegos que traballan en Canarias, Cataluña ou Madrid no sector da construción ou da hostelaría, verá que non están de intercambio cultural nin estudando unha carreira". Ana Belén Pontón, deputada do BNG, contestáballe con esta ironía á conselleira de Asuntos Sociais ao escoitar a súa resposta a unha pregunta sobre a incidencia da emigración entre a mocidade galega.

- 07:37 28/04/2004
Tags:

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, María José Cimadevila, considera que os casos de galegos que emigran por motivos laborais "son excepcionais". Segundo Cimadevila "os poucos casos que hai son de mozos que traballan en programas de cooperación ou queren ter unha experiencia profesional noutros países". Tamén inclúe os estudantes que queren estudiar a carreira ou especializarse fóra.

Pola contra, a deputada do BNG indicou que a emigración da xuventude "é un problema que vai en aumento" e apuntou que entre os anos 2000 e 2002 emigraron máis de 60.000 mozos.

Con todo, a conselleira sinalou que agora Galiza é "receptora" de emigrantes, xa que nos últimos catro anos retornaron máis de 32.000 galegos, e engadíu que hai máis de 22.000 emigrantes con contrato. Segundo María José Cimadevila, o número de desempregados galegos menores de 25 anos baixou en 12.000 persoas entre 1998 e 2003.

A conselleira tamén sinalou que a xuventude "constitúe un colectivo de especial prioridade nas políticas activas de emprego" e enumerou distintas iniciativas da Xunta dirixidas á contratación das persoas novas. Referíuse aos incentivos á contratación en prácticas "que lle deron unha primeira oportunidade de traballo a preto de 1.800 mozos titulados durante o 2003", ao Programa de Iniciativas de Emprego de base tecnolóxica e ao Programa Labora, "que facilitou un posto de traballo a preto de 13.000 mozos e mozas galegas menores de 30 anos dende a súa posta en marcha no ano 2002" e ás novas medidas de fomento da contratación indefinida.

PROFESIONALIZAR O TRABALLO DOMÉSTICO

Contestando a outra pregunta do BNG sobre a situación dunha proposición non de lei aprobada en 2003 referente á mellora das condicións laborais e asistenciais das empregadas do fogar, María José Cimadevila dixo que a Xunta "cumpríu os seus compromisos" e que "agora tócalle a Madrid".

A conselleira sinalou que a Administración autonómica "quere profesionalizar" o traballo doméstico e que " o PPdeG está adoptando medidas, dentro das súas competencias, para mellorar a situación laboral das empregadas do fogar". Entre as iniciativas da Xunta apuntou que en 2003 se celebraron varios cursos para preparar laboralmente a este colectivo.

Porén, os nacionalistas indicaron que "non chega con mandar cartas nin con facer cursos ocupacionais" e piden unha interlocución máis seria dende a Consellaría, por considerar que as medidas adoptadas non son abondas.


Ligazóns

5/5 (1 votos)