Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFORMES CIENTÍFICOS SOBRE A MAREA NEGRA

Máis da metade dos compoñentes do fuel do Prestige son de degradación lenta

A presenza de restos fuel do Prestige nos fondos mariños de Galiza e do Cantábrico é escasa, pero os seus compoñentes son de degradación moi lenta, o que implica que a toxicidade permanece no mar incluso despois de ser retirado o chapapote. Estas son as conclusións cruzadas de dous informes científicos elaborados polo Instituto Español de Oceanografía e o Institituto de Investigacións Mariñas de Vigo. O primeiro deles dá conta dos resultados das prospeccións levadas a cabo polo buque oceanográfico "Vizconde de Eza". O segundo, analiza as características dos compoñentes químicos do fuel do Prestige, a súa toxicidade e capacidade de degradación.

- 17:47 12/04/2004
Tags:

O relatorio elaborado polo IIM de Vigo sinala, segundo informa Europa Press, que mentres que os hidrocarburos de degradación lenta permanezan na auga "afectarán a todos os seres vivos presentes no medio mariño", especialmente o plancton. Neste sentido, o centro realizará un estudio para coñecer o impacto do verquido de hidrocarburos semellantes ao do Prestige sobre a estructura e funcionamento do plancton microbiano na Ría de Vigo.

Por outra parte, o responsable dos estudios sobre fondos mariños realizados polo buque oceoanográfico Vizconde de Eza, Francisco Sánchez, asegurou que non se detectou presenza de hidrocarburos no Cantábrico, mentres que as maiores concentracións corresponden ás zonas de Malpica e Muxía, cunha densidade media de 300 quilos por quilómetro cadrado. O biólogo afirmou que esta distribución é equivalente a "atopar dúas galletas de cinco centímetros nun campo de fútbol".

Francisco Sánches recoñeceu, non obstante, que a pesar que a densidade agora é "moi pequena", os efectos sobre as especies de interese comercial coñeceranse dentro duns tres anos. Por outra parte, tamén afirmou que as sustancias máis contaminantes do fuel "volatilizáronse cos verquidos en superficie" e o que caeu ao fondo mariño é unha sustancia "semellente á brea" que está sendo reabsorbida polo substrato residual. O biólogo recomendou continuar cos estudios para coñecer se a contaminación do petroleiro causou alteracións na capacidade reproductiva das especies ou no seu crecemento.


Ligazóns

0/5 (0 votos)