Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
16 MESES DESPOIS DO PRESTIGE

Importante contaminación de fuel no litoral atlántico

Cantidades elevadas de fuel están chegando nas últimas horas á costa galega, dende Patos (Nigrán) ata Carnota. A cantidade total de fuel non se coñece, pero os grupos ecoloxistas estiman que é o fenómeno de contaminación maior das nosas costas dende o Prestige. As taxas de aves mortas son moi elevadas. As causas deste fuel aínda non foron estabelecidas: os ecoloxistas cren que se trata dalgún buque novo que liberou fuel ao longo da costa nos últimos días, aínda que non se desbota que poida proceder do Prestige. Empregados de Tragsa están limpando areais e helicópteros de Sasemar rastrexando a costa á procura de manchas en mar aberto.

- 09:14 05/04/2004
Tags:

As zonas máis afectadas son A Lanzada, con placas de 1,5 metros de largo, o parque natural de Corrubedo, e Carnota, se ben tamén se rexistraron algunhas placas nas proximidades da Illa de Sálvora. Ademais, apareceron galletas en Baroña, Sanxenxo, Louro, Ancoradoiro e Cíes. Tamén se produciron entradas de fuel nos últimos días en Fisterra, pero non se coñece aínda se pertencen a esta mesma vaga.

Polo que respecta ás aves petroleadas, os ecoloxistas estiman que as cantidades poderían roldar as 150-200 aves petroleadas en 24 h., o que nos situaría en impacto ornitolóxico en parámetros similares aos rexistrados na Costa da Morte durante os momentos máis álxidos da contaminación do Prestige. Aproximadamente a metade destas aves estarían xa mortas. As vivas estanse trasladando ao centro de recuperación de Coto Redondo (Vilaboa).

Os ecoloxistas están a traballar nun dispositivo de emerxencia que integran ADEGA; FEG, CEMMA e Colectivo Ecoloxista do Salnés. Critican, ante esta "pequena marea negra", que siga sen existir en Galiza un plan de emerxencia contra a contaminación marítima.


5/5 (1 votos)