A compañía ourensá Sarabela resultou a clara gañadora da gala dos Premios María Casares 2004, os galardóns do teatro galego. A súa obra "Así que pasen cinco anos" venceu en seis das categorías, incluídas mellor espectáculo e mellor dirección. Sarabela confírmase un ano máis como a gran compañía do teatro galego e a única que resiste a fragmentación dos últimos anos. As producións do Centro Dramático Galego non colleitaron ningún premio.
A gala, celebrada no teatro Rosalía da Coruña e televisada en diferido pola TVG, alternou entre o aborrecemento e a tristura. Un guión pobre, unha posta en escena insulsa e un aforo a tres cuartos onde faltaban rostros importantes do teatro, sinalan as carencias duns premios que, lonxe de consolidárense, pareceron encetar unha perigosa costa abaixo. Así se explica que os premiados non acudisen a recoller cinco dos trece galardóns.
O presidente da AADTEG, Cándido Pazó, chamou a atención no seu monólogo de recepción á fragmentación das compañías e aos problemas da precariedade dos circuítos e da itinerancia. A actriz Mónica García leu o manifesto internacional, redactado pola exipcia Fathia el-Assal, e no que se incidiu na importancia que as mulleres teñen no feito teatral. Este texto, lese co gallo do Día do Teatro, en máis de noventa países do mundo.
Listaxe de premiados
- Mellor maquillaxe. Fanny Bello, por Sidecar, da compañía Belmondo.
- Mellor vestiario. Carlos Alonso, por A gran ilusión, de Teatro do Morcego e Teté Seoane, por Así que pasen cinco anos, de Sarabela
- Mellor iluminación. Baltasar Patiño, por Acto seguido, de Matarile
- Mellor música orixinal. Fran Pérez, por Sidecar, de Belmondo
- Mellor adaptación ou tradución. Ánxeles Cuña, por Así que pasen cinco anos, de Sarabela
- Mellor texto orixinal. Marta Echevarría, Avelino González, Ana Iglesias, Xavier Lama, Manuel Núñez Singala Cándido Pazó e Suso de Toro, por Bicos con Lingua, de Talía Teatro
- Mellor escenografía. Suso Díaz, por Así que pasen cinco anos, de Sarabela
- Mellor actor secundario. Xavier Estévez, por Así que pasen cinco anos, de Sarabela
- Mellor actriz secundaria. Sonia Rúa, por A gran ilusión, de Teatro do Morcego
- Mellor actor protagonista. Artur Trillo, por Bicos con Lingua, de Talía Teatro
- Mellor actriz protagonista. Maxo Barjas, por A gran ilusión, de Teatro do Morcego
- Mellor dirección. Ánxeles Cuña, por Así que pasen cinco anos, de Sarabela.
- Mellor espectáculo. Así que pasen cinco anos, de Sarabela.
- Premio de honra Marisa Soto. Padroado de cultura do Concello de Narón.