Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REVOLTA ESPONTÁNEA CONTRA A MANIPULACIÓN

Arredor de 3.000 persoas berraron en Compostela "queremos saber antes de votar"

Ás oito desta tarde comezou a mobilización dos composteláns, diante do Parlamento e da sede do Partido Popular, para esixirlle ao goberno que comunicara todos os datos que posúe sobre o atentado producido o xoves en Madrid. Unha concentración que o escritor Suso de Toro definiu como "autoconvocada" e que reuniu, entre outros, aos nacionalistas Encarna Otero e Camilo Nogueira, membros das organizacións sindicais, dos colectivos Burla Negra e Areanegra e xente do mundo da cultura.

- 22:18 13/03/2004
Tags:

A que comezou como unha concentración dunhas 300 persoas, que ían elaborando pancartas con lemas como "esiximos a verdade", "respetade aos mortos" ou "queremos saber", acabou convertíndose nunha mobilización cuns 3.000 participantes e que, ademais serviu de convocatoria para unha concentración silenzosa á medianoite na praza do Toural.

Á media hora do comezo os manifestantes decidiron cortar a rúa e foron aparecendo os primeiros dispositivos da policía local. Pouco despois a xente botou a andar e foise improvinsando un percorrido que levou a mobilización ata o casco histórico.

Percorréronse as rúas do Vilar, da Raíña e do Franco, que se encheron co son de consignas como "Urdazi cabrón presenta a dimisión", "nosos son os mortos, vosas son as guerras" ou "nós xa dixemos non á guerra", mentres a xente que se atopaba coa manifestación se ía incorporando ou respondía con aplausos.

Unha vez de volta na praza de Galiza a cabeza da manifestación decidiu percorrer tamén as rúas do Doutor Teixeiro e Alfredo Brañas, antes de concentrárense novamente ante a sede dos populares. De novo alí, algúns dos participantes tomaron a inciativa de acender velas en memoria das vítimas e, finalmente, gardouse un minuto de silencio.

Pouco antes de que a concentración empezara a disolverse, Suso de Toro tomou a palabra para explicar os motivos que os levaran a todos a esa mobilización. O escritor asegurou que a sociedade "xa leva dous anos padecendo a actitude golpista de José María Aznar, que ocultou información no caso do Prestige, non quixo escoitar as voces que berraban non á guerra e agora estalle impedindo á cidadanía exercer o seu dereito a estaren informados".

Suso de Toro quixo recalcar, ante as declaracións do candidato popular Mariano Rajoy sobre o carácter antidemocrático das convocatorias de todo o estado, que "isto que hai aquí si é democracia e cada un de nós incorporouse por inciativa persoal sen que ninguén nos convocara". Algo que tamén apoiou o humorista Farruco que comentaba os motivos que o levarán ata a rúa do Hórreo dicindo que "estiven todo o día inquedo na casa, en canto comecei a escoitar os primeiros berros vin a sumarme para tentar que se coñeza a verdade e Galiza poida gozar por fin da liberdade".


0/5 (0 votos)