Ao longo deste serán estanse producindo diversas reaccións dos partidos políticos. ERC pediu a demisión do goberno, IU a reunión da Mesa do Congreso, o BNG considerou a "manipulación informativa" de "deleznábel", e Iniciativa e o PSC esixiron a demisión do ministro do Interior.
O BNG cualificou de "manipulación informativa a mantenta" a actitude do goberno nestes dous días, co único obxectivo de "danar as opcións electorais do nacionalismo". Para o Bloque, ademais, a "confirmación da evidencia da implicación do terrorismo islámico" ten unhas "consecuencias gravísimas", pois antes "había un problema de terrorismo e agora temos dous".
Os nacionalistas galegos lamentan que fosen "os únicos" que se ativeron ao compromiso de clausurar a campaña, e que as demais forzas seguiron facéndoa directa ou indirectamente. Finalmente, chaman á participación electoral masiva e que a xente valore "o que é mellor para eles e mellor para Galiza".
En Ferrol, Esquerda Unida, nunha rolda de prensa, demandou a reunión da Mesa da Deputación Permanente do Congreso, para examinar a situación creada ante as eleccións de mañá. É unha iniciativa da federación de esquerdas a nivel estatal, asinada co grupo mixto das Cortes. IU cualificou a falta de transparencia do Goberno de "golpe de estado mediático".
Esquerra Republicana, despois da comparecencia do ministro Acebes, pediu a demisión de todos os membros do goberno español. Ademais, ERC dixo que así como se constitúan as Cortes Españolas, pedirá unha comisión de investigación.
O PSC esixiu a demisión do ministro do Interior e a comparecencia inmediata do presidente Aznar. Sen embargo, o PSOE, a través do seu voceiro Alfredo Pérez Rubalcaba desmarcouse da organización das concentracións, e pediulles 'serenidade' aos cidadáns. Tamén reclamou a convocatoria de unha reunión de todos os partidos do país tras as eleccións.
Iniciativa per Catalunya tamén pediu a demisión de Ángel Acebes e denunciou o Partido Popular ante a Xunta Electoral por manipulación informativa.
Josep Antoni Duran i Lleida (CIU) tamén compareceu publicamente, e pediulle 'serenidade' á poboación e tamén 'transparencia' ao goberno español.