Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LEXISLATIVAS EN GRECIA

O conservador Caramanlis gaña as eleccións gregas

Aínda que os resultados non son definitivos, o conservador Costas Caramanlis pode considerarse xa o presidente dos gregos tras os comicios celebrados este domingo. Obtería o 46,5% dos votos, o que lle garantiría unha ampla maioría absoluta no Parlamento. O candidato do socialista PASOK Iorgos Papandreu, e ata hoxe ministro de Exteriores, recoñeceu a súa derrota con pouco máis do 40% dos sufraxios.

- 00:09 08/03/2004
Tags:

Cun escrutinio aínda parcial (61%), o partido conservador Nova Democracia obtería 169 escanos (a absoluta está en 150). É un gran resultado para Caramanlis, pois supón unha medra de catro puntos e case 40 escanos. De feito, o anterior primeiro ministro, o socialista Costas Simitis, non chegara nunca a superar os 162 escanos, nin en 1996 nin en 2000.

Os socialistas quedarían con 120 asentos no Parlamento, co que perderían os mesmos escanos que gañan as dereitas. O partido de Iorgos Papandreu conserva os seus tradicionais feudos de Creta e das zonas máis pobres do país, e perde Atenas.

O Partido Comunista grego obtería 11 escanos, os mesmos que en 2000. O Sinaspismos, grupo da esquerda ecoloxista, andaría rozando o 3% dos votos nacionais, que lle darían entrada no Parlamento cuns seis escanos. Se non obtivese esa procentaxe mínima quedaría fóra.

Entre os principais labores que lle agardan a Caramanlis están ultimar os detalles para as Olimpiadas do verán, a negociación para a reunificación de Chipre, a baixa dos impostos e a loita contra a corrución no goberno e nas institucións.

Anteriores en Vieiros: A dereita de Caramanlis parte como favorita en Grecia


Ligazóns

0/5 (0 votos)