Alexandre Bóveda foi unha figura fundamental no galeguismo contemporáneo aínda que moitas das súas achegas sexan eclipsadas por outros coetáneos como Castelao. A súa labor foi sesgada pola barbarie franquista, malia a ser autor dun extraordinario traballo en favor da liberdade, da convivencia democrática, da solidariedade e do progreso de Galicia.
A realidade é que este ourensán, o eterno descoñecido, loitou ata o derradeiro momento sen pausa, dicíndole xa condenado ao seu cuñado Gerardo Álvarez Gallegos, que coa súa morte pretendía liberar a todos os seus colaboradores do Partido Galeguista. Minutos antes da súa execución sentenciaba: a miña morte servirá para acadar adeptos á causa galega. Un ben que aínda despois de morto, farei á nosa terra.
Alexandre Bóveda Iglesias, naceu o día 7 de xuño de 1903 en Ourense e foi fusilado no monte da Caeira (Pontevedra) o 17 de agosto de 1936 cando contaba con 33 anos. Foi un dos intelectuais máis relevantes de Galicia. Retratado en numerosas ocasións baixo a frase de Castelao de que é o motor de explosión do Partido Galeguista, era moito máis que esta sucesión de letras que soltas poden levar á confusión.
Alexandre nace lendo o Catecismo Galego do Tío Marcos da Portela de Lamas de Carvajal. Dende neno, decantouse polo estudio da lingua francesa e pola contabilidade. Estudiou Peritaxe Mercantil na Coruña compaxinando os estudios coas clases que impartía no Colexio dos Villares en Ourense.
A súa grande escola foi a Revista Nós da que aseguraba que alí estivo a miña fontela máis cabal e na que comezou a achegarse aos problemas de Galicia. 'La Zarpa', xornal de Basilio Álvarez foi unha oportunidade de destaparse ante o mundo. Alí empezou a loitar limpamente co gran poder que otorga a palabra. Gran comunicador, figura dialogante, os que o coñeceron falaban de que fora o que abrira, xunto con Castelao, o Partido Galeguista a todos os estadios da sociedade galega.
Posteriormente, pero moi novo, sae da cidade das Burgas para opositar en Madrid a unha das dez prazas para xefes de contabilidade de Facenda do Estado. Despois de sacar o número un no concurso, Bóveda rexeita unha oferta de Calvo Sotelo para formar parte do seu Comité de Intervención de Cambios, que debería frenar a caída da peseta.
Esta decisión foi unha das que máis marcaron o seu camiño. Regresa a Galicia e traballa na delegación de facenda en Ourense catro anos. Despois marcha a Pontevedra aprobando outras oposicións de xefe de contabilidade. A tertulia que presiden Castelao e Losada Diéguez no Café Méndez Núñez, pasará a ser o porqué da súa loita peronal implicándose cada vez máis nas actividades dos dous galeguistas.
Castelao será un grande amigo de Bóveda que o introduce non só na política senón noutros campos como na Coral Polifónica e na que coñece a Amalia Álvarez Gallego, o seu gran amor. Casa con ela en outubro de 1930, e nese mesmo ano, recibe unha proposta do Seminario de Estudos Galegos para colaborar no proxecto de Estatuto de Autonomía.
Neste proxecto adicarase sobre todo ao aspecto económico do que foi un dos creadores do Partido Galeguista o 5 de Decembro de 1931 no que exercerá de secretario de Organización para ampliar a base do partido.
Como en todas as súas labores, a constancia de Bóveda deu o seus froitos. Na 2ª Asamblea do Partido Galeguista en 1932, pasaron de 15 grupos de 600 afiliados existentes en 1931 a 100 grupos de 300.000 compoñentes.
Bóveda triunfaba outra vez. Pero sempre dende á grada, atento e constante no seu quefacer. Toda a súa vida foi discreta pero intensa e implicada cunha causa que elixiu dende o principio: a defensa da identidade e liberdade galegas.
Dos anos seguintes antes da súa morte, dicir que Bóveda, nun discurso en 1932 conmocionará a sociedade da época. O problema da autonomía de Galicia non é somentes un problema de dignidade colectiva, de dereito natural, de reinvindicaión histórica. Non. É fundamentalmente un problema de causa económica.
Despois de numerosas intervencións, mítins e artigos en A Nosa Terra e en El Pueblo Gallego, este ourensán foi condenado nun consello de guerra.